Investigadores galegos traballan en novos mecanismos contra a resistencia aos antibióticos

Será dentro da cuarta edición do 'Ciclo de Conferencias Aída Fernández Ríos'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2023 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra inician este xoves, ás 19,00 horas, a cuarta edición do 'Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos', unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social.

O ciclo consta de dous bloques, un primeiro con seis relatorios impartidos por oito recoñecidos expertos entre os meses de maio e xuño; e un segundo bloque con conferencias dirixidas ao alumnado de institutos de Secundaria e Bacharelato, que se celebrará a finais de ano.

Esta primeira sesión leva por título 'Avances en novas terapias', e correrá a cargo de Concepción González Belo, catedrática de Química Orgánica do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, que falará sobre os retos e as novas estratexias terapéuticas fronte ás superbacterias.

Nesta liña, explicará como "os antibióticos son ferramentas terapéuticas fundamentais na loita contra as infeccións bacterianas", aínda que a súa capacidade de curar está "en grave risco debido ás consecuencias do uso de antibióticos de amplo espectro na estabilidade do microbioma e a resistencia aos patógenos".

"Estas bacterias evolucionan moi rápido para burlar a acción dos antibióticos, mediante mecanismos cada vez máis sofisticados e difíciles de abordar, en especial nos pacientes cun sistema debilitado", apunta.

A investigadora lembrou que a Organización Mundial da Saúde estima que en 2050 as mortes por resistencia aos antibióticos superarán ás causadas polo cancro. Así, para frear o impacto deste escenario na saúde humana e animal, as investigacións actuais céntranse no deseño de novas entidades químicas con "mecanismos de acción novos", capaces de incidir sobre "nichos biolóxicos pouco explorados e ben definidos", así como no desenvolvemento de "terapias combinadas" capaces de reducir o impacto da resistencia das bacterias aos antibióticos en uso clínico.

Pola o seu parte, María de la Fuente Freire, xefa do grupo de Nano-Oncoloxía e Terapeútica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), abordará a importancia da nanotecnoloxía para o desenvolvemento de medicamentos innovadores e avanzados, co fin de poder dar resposta a necesidades médicas non cubertas.

"A aprobación das vacinas covid-19 baseadas en ARN mensaxeiro e nanopartículas lipídicas supuxo outro punto de inflexión, que abre camiño no desenvolvemento de medicamentos innovadores en áreas como a oncoloxía e as enfermidades raras, entre outras", dixo a experta.

Imaxe de arquivo dun laboratorio. J.P.- Europa Press
Imaxe de arquivo dun laboratorio. J.P.- Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta