Os gandeiros denuncian as "prácticas abusivas" da industria láctea e a "conivencia" das institucións

O Sindicato Labrego Galego (SLG) critica que a Xunta "se nega a proporcionar índices de custos de produción oficiais, de acceso público e puntualmente actualizados".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2023 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou que as "prácticas abusivas" da industria láctea "comprometen o futuro do sector" . Critica que poñan en marcha estratexias de presión contra as granxas "acordando baixadas xeneralizas de prezos ou ameazando con cesamentos de recollida". Esta "inestabilidade", asegurou, ocorre porque existe "unha conivencia explícita por parte das institucións públicas responsables de regular" esta situación.

Por unha banda, critica que a Xunta "se nega a proporcionar índices de custos de produción oficiais, de acceso público e puntualmente actualizados", o que "dificulta" que os gandeiros poidan apoiarse en datos institucionais para negociar o prezo, ou o establecemento dun prezo mínimo a cumprir por lei que cubra custos de produción e remunere o traballo.

Doutra banda, SLG insiste en que tanto a Xunta como o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación elaboraron a Lei da Cadea Alimentaria, que prohibe a venda por baixo de custos e establece prezos de negociación e renovación de contratos "que as industrias non están a respectar", máis como unha estratexia para "tranquilizar ao sector e manter os privilexios das industrias lácteas" que con "a verdadeira vontade de garantir relacións comerciais xustas entre os distintos lazos da cadea.

INFORME FENIL

Neste contexto, o sindicato sinala que a interpelación ás institucións públicas realizada hai uns días pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (FeNIL) a través da presentación pública dun informe sobre o sector "non pode senón agravar a tensión existente entre estas e o sector produtor".

De feito, SLG considera que pretende "desviar a atención do feito de que a industria e goberno autonómico e estatal están no mesmo bando". Nesta mesma liña, pide á FeNIL que aclare por que, "a pesar de que Galicia concentra a produción no Estado, segue sendo a que ten un prezo máis baixo de todas as comunidades, por detrás de Baleares".

"Se a Federación está realmente preocupada pola subministración debería de deixar de castigar ao territorio que máis produce en todo o Estado", reclamou. Así, esixe "responsabilidade" ás industrias e ás administracións públicas, instándoos a "expresar a súa preocupación polo futuro do sector con feitos, non con postas en escena".

"A alimentación é unha cuestión esencial para a cidadanía, non pode ser abandonada aos intereses especulativos industriais, con todo, a día de hoxe a baixada de prezos ao sector produtor ou a eliminación do IVE de determinados produtos alimentarios non está a redundar no prezo ao que as persoas consumidoras adquiren estes produtos", expresou.

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG
Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta