Que é un alcalde de tarifa plana?

«Todos os problemas são insolúveis. A essência de haver um problema é não haver uma solução». (Fernando Pessoa. O livro do desassossego).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 10/05/2023

Comparte esta noticia
En máis dunha ocasión escoiteille dicir a rexedores municipais moi respectábeis: «O que a un alcalde non lle compete, sempre lle incumbe». 
 
Iñaki Azkuna, alcalde de Bilbao dende 1999 a 1914, nomeado en 2012 mellor Alcalde do Mundo pola City Mayors Foundation, despois de demostrar que, malia a aparencia –e a realidade– das cidades e dos asentamentos da poboación como espazos enlatados, inhóspitos e irredentos, as coseduras de ferro que os amalloan pódense rebentar, cando hai ideas e vontade para transformalas radicalmente e facelas máis levadeiras.  
 
Unha das indómitas e retrógradas maluras do que se podería chamar ‘municipalismo contemporáneo’, que xa inzou dabondo no mapa da estrutura territorial e social de Galicia e, por tanto, con trazas de perdurar despois do 28-M ata o punto de arrastrar unha metástase irremediábel, é a ausencia de proxecto político para o ámbito territorial e social no que deberán desenvolver a súa encomenda, dunha boa parte dos hóspedes electos das consistoriais. 
 
Esas doenzas ou eivas, que nunca se sandarán con inocuos xaropes de curandeiro, agroman especialmente cando as xefaturas dos partidos políticos non hixienizan ou articulan acaidamente unha necesaria escala de valores, principios e ideas. Cando o proxecto de país é difuso, cando os sanedríns xemen á hora de defender os idearios, os alcaldes e concelleiros perden o compás e, obviamente, acaban desnortados. O light é o que mola. A desorientación política sempre é a consecuencia da falta de vitamina «I» (ideolóxica). E despois, pasa o que pasa: nuns casos aflora a falta honestidade, noutros, para ben e para mal, esfúmase a memoria histórica e, chegados a este punto, aparecen os feirantes da res pública, os vendedores de fume, dispostos a cuspir cara ao ceo para intentar convencer ao respectábel público de que os seus esputos acabarán coa seca endémica que desangra as cidades e, por suposto, os concellos rurais, ata abafar a veciñanza. 
 
Talvez pasa o que pasa porque decidimos cargar o carro con demasiados políticos profesionais, dos que nos pretenden convencer que os partidos son un fin e non un medio, ou porque permitimos que se arrimen a chedeiro, lacoeiros máis ansiosos de azacotar o seu ego –ou o papo– ca de agarrarse á chavella e turrar cara a adiante para mellorar as condicións de vida da veciñanza.
 
E, claro, semellante panorama vai in crescendo ata esvaecer máis da conta as lóxicas diferenzas nos pareceres e na acción política, xurdindo así unha caste de alcaldes –e concelleiros– de tarifa plana, apáticos, sen estímulos sensoriais, insensíbeis aos fenómenos meteorolóxicos que os apampan, incapaces de molestarse en buscar un antídoto que, alomenos, alivie a abafante realidade que gurra sen paría contra os dereitos da xente, nun mundo onde, ademais de medrar cada día as desigualdades, non hai políticos con ansia de porfillar ideas e medidas serias a favor da conservación do medio, da nosa cultura, da nosa lingua e mesmo de todo aquelo que conforma a riqueza que posuímos e o benestar social. 
 
 [O meu tío Lisardo opina que, se os xerarcas que ocupan as salas de mando dos partidos, non mudan o rumbo, serán os autócratas e os comerciantes de servizos públicos os que acabarán gobernando o barco, ata facelo naufragar]

Reunión de alcaldes nunha directiva da FEGAMP
Reunión de alcaldes nunha directiva da FEGAMP | Fonte: José Luis Jiménez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.