Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2023 | Actualizada ás 11:50
A organización ecoloxista Arco Iris reclamou á Xunta a elaboración de "forma inmediata" dun plan integral de protección de "todos" os humidais. Tamén denuncia a inclusión de espazos naturais no inventario de zonas húmidas de Galicia.
Nun comunicado, a entidade insta o departamento autonómico a incluír a "totalidade" dos humidais no inventario e a comprometerse a elaborar "de forma inmediata un plan integral de protección para todos eles".
A resolución da Dirección de Patrimonio Natural, engade, "ignora totalmente todos os informes elaborados de forma rigorosa hai xa 20 anos", nos que se facía alusión á existencia de 1.131 humidais costeiros, continentais, subterráneos e artificiais, merecedores de réxime de protección, segundo o decreto 14/2017, de 26 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia.
Arco Iris sinala, ademais, "o inxustificado atraso co que se levou a cabo a inclusión". E é que, segundo afirma, a Xunta"unicamente" recoñece a existencia de 376 humidais. "Dos cales 72 están repetidos ata chegar á cifra total de 728 códigos de localización". Este feito vincúlao co "interese" de reducir "o seu interese ambiental co fin de facilitar o desenvolvemento de enerxías renovables, como megaparques eólicos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.