Por Europa Press / Redacción | VIGO | 15/05/2023 | Actualizada ás 09:53
O operativo antidroga desenvolvido a pasada semana en Vilanova de Arousa saldouse finalmente con dous detidos, e 200 quilos de haxix, un quilo de cocaína e 8 quilos de marihuana intervidos, segundo informaron fontes policiais.
A Operación Baroña púxose en marcha por parte da Policía Nacional a principios de maio, cando os axentes tiveron coñecemento de que unha vivenda construída nunha leira estaba a ser utilizada como almacén de seguridade dunha partida de droga pertencente a unha organización criminal asentada na comarca.
O pasado martes, tras varios días de vixilancia, os policías observaron un coche con dous ocupantes que accedía ao inmoble. Unha vez que abandonaron o lugar, os axentes déronlles o alto cando se ían a incorporar a un viario.
Tras identificar os ocupantes do vehículo (un resultou ser un vello coñecido das forzas de seguridade, pola súa relación coa distribución de drogas), realizouse unha inspección do coche e localizáronse no maleteiro 100 quilos de haxix.
Posteriormente, nunha entrada e rexistro da vivenda, interviñéronse outros 100 quilos de haxix, un quilo de cocaína e dúas bolsas cun total de 8 quilos de marihuana. Os dous detidos pasaron a disposición do xulgado de instrución 1 de Vilagarcía de Arousa, que decretou o ingreso en prisión dun deles, mentres que para o outro ditou prisión eludible cunha fianza de 30.000 euros. Ambos están investigados por un delito contra a saúde pública.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.