A CIG denuncia a "gravísima" situación dos xulgados de Ortigueira

Os expedientes "desbordan" as mesas que as veces están baleiras por que non hai quen traballe nelas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/05/2023 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

O sector de xustiza da CIG denuncia o estado en que se atopa "desde hai moito tempo" o xulgado de Ortigueira, na provincia da Coruña. Por unha banda, refírese a "escaseza de persoal" e asegura que os expedientes "desbordan as mesas". "Unha delas estivo totalmente paralizada durante meses por non contar con ninguén nela", asegura.

Rolda de prensa CIG
Rolda de prensa CIG | Fonte: EP

A central afirma que a carga de traballo é "tan elevada" neste partido xudicial que se están xestionando agora, en maio, procesos do pasado mes de agosto. Ademais, advirte de que o auxilio xudicial "non pode realizar dilixencias fóra da oficina, xa que se encarga de levar o rexistro civil da localidade, polo que non hai ninguén en Ortigueira para poder notificar as resolucións nos domicilios".

Para a organización, esta situación é "gravísima" e consideran "intolerable" que en pleno 2023 sucedan "cousas como estas" nos xulgados. "Situacións así deixan claro que a xustiza en Galicia nin é eficaz nin se lle dá celeridade, máis ben todo o contrario", segundo incide. As vilas como Ortigueira "seguen sendo as grandes esquecidas" pola Xunta a pesar de que os seus veciños "teñen o mesmo dereito a recibir unha xustiza de calidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta