Por Moncho Mariño | Santiago | 19/05/2023 | Actualizada ás 14:44
-Como definiría o mandato que está por finalizar?
Pois como o mandato da decepción, sen dúbida ningunha. Houbo moita xente que puxo esperanzas na boa xestión de Bugallo e ao final fracasou estrepitosamente, a xente quedou desencantada e eu, insisto, creo que é o mandato da decepción, do desencanto e de que as persoas consideren que hai unha parálise total no Concello.
-Unha parálise pola inercia do Concello ou da actitude de Bugallo?
Sen ningunha dúbida pola actitude de Bugallo e do goberno local, que non foi capaz de activar ningún mecanismo nin de participación cidadá nin de escoitar á xente nin de xestión económica nin ser capaz de pagar en tempo e forma a provedores e a pemes, tampouco as subvencións deportivas e culturais. Hai unha parálise total porque hai un equipo dividido, xente que non está sobre as cousas, ademais, tendo en conta a experiencia que tiña Bugallo neste terreo, podemos deducir que isto todo é responsabilidade propia de Sánchez Bugallo e do seu goberno local.
-Esta actuación podería responder a determinados intereses?
Creo que é simplemente incapacidade para ler as peticións da poboación, incapacidade para mover a ferramenta da administración municipal para levar a cabo os proxectos. Logo está a falta de diálogo e de participación, porque tamén hai moitas cousas que se poderían facer de maneira colaborativa, pois estamos cun goberno en minoría e por tanto necesitaría da axuda das demais forzas políticas que puidesen estar de acordo en botar adiante algúns proxectos. Porén, houbo unha falta de diálogo total, tamén coas asociacións e coa veciñanza, fixo que se puxesen sobre a mesa iniciativas e proxectos que a veciñanza non vía. Houbo que comezar outra vez, facer novos proxectos e houbo máis tempo dedicado a políticas de propaganda e publicidade que a políticas efectivas. Hobo moita política de “imos ter 280 millóns, imos facer grandes proxectos”, e logo non hai fondos europeos para o tema do Restollal, o de Peleteiro non está consensuado, destinaríanse 280 millóns para o Consorcio coa apariencia de ter unha serie de grandes posibilidades e proxectos e ao final non recibimos nin un euro. Entón, temos unha serie de políticas onde importa a propaganda e a política publicitaria e onde, sobre todo, de non escoitar a veciñanza e os problemas, nin a oposición, pois parece que hai unha serie de cuestións que si se desenvolverán mais despois deben modificar sobre a marcha. Houbo moita falta de planificación e improvisación.
Houbo moita xente que puxo esperanzas na boa xestión de Bugallo e ao final fracasou estrepitosamente
-Como por exemplo?
As obras do Hórreo onde esquecen facer as rotondas, obras onde poñen bancos mal situados, por tanto, obras para facer e refacer e por tanto, continuos modificados. Non son capaces de quitar o transporte público porque teñen unha serie de parámetros aínda sen mirar, mesmo agora non foron campaces de meter os dous microbuses para o rural, por que? Pois porque non estudaran durante estes catro anos as necesidades do rural e por tanto, non sabían como introducilos. Resumindo, improvisación, falta de comunicación e falta de avaliación.
-Todo isto terá a súa resposta no proxecto de goberno que ofrece o BNG.
Un modelo de cidade que poña as persoas no centro. Nese sentido, buscar a rebaixa no prezo da vivenda, facilitar o aluguer e acondicionamento de milleiros de vivendas baleiras para as persoas que buscan piso en Santiago e cumpran en dinaminación, con prezos taxados en colaboración para a Xunta, con prioridade para a xente nova e con salarios baixos mais tamén converter Santiago na capital de Galicia, en capital verde europea para ser un ente que actúe contra o cambio climático, que renaturalice os espazos, e sobre todo, conseguir accesibilidade. Isto queremos buscalo tanto nos servizos públicos como no transporte onde non se cumpre, eliminar as barreiras que aínda existen na cidade, impulsar o comercio de proximidade e os servizos básicos. Ademais, queremos facer de Compostela un centro internacional de proxección da cultura galega, un referente cultural. E un elemento do ADN do BNG e que debemos traelo de volta é que haxa participación e transparencia convocando os consellos de participación cidadá.
Houbo unha falta de diálogo total, tamén coas asociacións e coa veciñanza, fixo que se puxesen sobre a mesa iniciativas e proxectos que a veciñanza non vía
-Concretando algunhas propostas, o BNG fala da creación dun viveiro para o pequeño comercio e a cidade histórica. En que consistiría este viveiro?
Consistiría en que, a través do Consorcio, incrementando o seu orzamento a través da achega do Estado e da Xunta de Galicia, que o Consorcio o poda facer e se non pode, pois directamente o Concello a través Emuvisa, comprar locais na zona histórica onde hai unha inmensa cantidade de locais baleiros e que se poidan poñer ao dispor de persoas que queira abrir o seu negocio para definir os negocios que nos interesan. Cales? Servizos, como pequenas tendas de alimentación, negocios de economía circular, relacionadas coa reciclaxe e recuperar os oficios tradicionais. Non ten ningún sentido ir ver os ourives ao polígono industrial cando podían estar na cidade histórica. Tamén todas aquelas iniciativas relacionadas cos coidados. Buscar novos nichos de emprego e poñelos a disposición de persoas que queiran iniciar o seu negocio por primeira vez a prezos asequibles. Todo isto pensando en que poda reverter na presenza de comercio vivo e que se fixe poboación na cidade histórica e reverter esa sensación de parque temático en que se está volvendo a zona histórica.
-Isto significaría abrir ao mercado as vivendas actualmente baleiras?
Si, tamén, porque noutro sentido, en Santiago hai un conxunto de vivendas baleiras que andan entre as 5.000 e 8.000 vivendas. Deberiamos dinamizar ese parque habitacional, por tanto, nós presentamos a creación dun parque gradual de vivenda a nivel municipal, tamén con recursos doutras administracións e que se poidan ofertar sobre todo para xente nova ou familias monoparentais, pois son as que teñen máis problemas e están formadas fundamentalmente por mulleres. Por tanto, crear ese parque gradual de vivenda pública en réxime de aluguer á parte de que poidamos construír parque de vivenda pública noutros lugares directamente a través do Concello coa recuperación da empresa municipal Emuvisa, ou, se non se quere facer directamente desde o Concello, pois poñendo ao dispor doutras administracións como a Xunta de Galicia, que leva investido cero euros en Santiago no campo da vivenda de protección pública.
Un elemento do ADN do BNG e que debemos traelo de volta é que haxa participación e transparencia convocando os consellos de participación cidadá.
-Esa vivenda de protección pública tería espazo suficiente para a súa creación?
Nós propoñemos facer esas vivendas na parcela de Peleteiro, pois cremos que a Sareb, o Estado, pode cedela ao Concello de Santiago e unha vez cedida non hai condicionantes de que haxa unha determinada edificabilidade nin rendibilidade económica. Así pois, á parte de dotacións socioculturais e deportivas para o barrio, hai espazo abondo para facer vivenda de protección oficial. Alén diso, nós estamos máis pola rehabilitación de vivenda e poñela ao dispor da xente esa elevada cantidade de vivenda baleira. Isto último debera ter definido por parte da Xunta aquilo que é vivenda baleira e que se poida facer un gravame para as persoas con vivendas baleiras sen poñelas no mercado de aluguer.
-Falaba antes dos microbuses para o rural, unha área que parece a grande área abandonada. Á parte do transporte, cales son os eixos que contemplan para mellorar as condicións de vida nesta parte do concello?
Hai unha débeda histórica co rural, non esquezamos que houbo un “Pacto polo Rural” que hai catro anos impulsou a Federación de Asociacións Rurais e está sen cumprir. Levamos catro anos de atraso e agora o goberno é como se quixese dicir que se asinou agora e comeza a contar en 2023, cando xa contaba antes. Entón, hai un compromiso que nós imos superar, dedicar o 1% do orzamento anual do Concello ás necesidades do rural ademais das aportacións que se poidan recoller do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña que nos chega en canto que temos poboación rural. Sobre esa cantidade, as prioridades márcaas moi ben o Pacto polo Rural. En concreto, levar abastecemento e saneamento aos lugares de Compostela que non o teñen. É posible que algúns deses lugares non podan recibilos directamente. Os temas de saneamento custan moito mais pódense facer a través de minidepuradoras ecolóxicas, buscar a fórmula máis económica e factible para levala adiante, sobre todo onde houbo seca de mananciais, a aqueles lugares onde teñen o enganche a menos de 500 metros. Entón, temos xa unha serie de prioridades que están establecidas. Sobre o transporte público, entendemos que non só fai falta un transporte a demanda senón tamén é necesario ter unhas liñas regulares e unhas frecuencias para garantir polo menos unha vez ida e volta pola mañá e pola tarde. Debemos chegar a toda a poboación rural, non podemos presumir ou querer un rural vivo e sen servizos. Hai outro punto, a seguranza, pois no rural vive moita xente maior e hai centros sociais onde queren ir mais non temos beirarrúas para que se acheguen. Se non teñen un familiar que os mova, entón debemos dotar, se non de beirarrúas, si de zonas peonís claras e seguras para termos unha mobilidade digna.
Presentamos a creación dun parque gradual de vivenda a nivel municipal, tamén con recursos doutras administracións e que se poidan ofertar sobre todo para xente nova ou familias monoparentais
-Estaría o BNG a pactos de coalición progresistas e cal sería a súa primeira decisión no caso de acadar a alcaldía?
Nós estamos nunha fase en que queremos liderar a alcaldía e por iso entendemos que é a oportunidade do BNG. Durante os últimos doce anos gobernaron o resto de forzas políticas e o BNG nunca o fixo desde a alcaldía. Así pois, queremos estar nesa posición acordando con outras forzas se é necesario, mais a nosa principal intención é acadar a alcaldía de Santiago de Compostela. Queremos que a xente nos dea esa oportunidade para demostrar que en catro anos as cousas se poden facer doutra maneira. Entre as primeiras medidas, hai unhas medidas de carácter interno e externo. De carácter interno é necesaria unha reunión de todas as áreas e servizos, a nivel técnico como político, para definir cuestións transversais para afectar a todas as decisións que se tomen. As políticas van ser feministas, ecoloxistas, a accesibilidade será o eixo principal, hai unha serie de cuestións necesariamente transversais e deben estar en todas as decisións. As medidas externas, unha delas é un estudo de medidas para facer realidade a accesibilidade de maneira inmediata e comezar a traballar niso. Nese sentido, había unha partida de 200.000 euros para unha cuestión de accesibilidades menores, mais vinculadas a unha venda de parcelas e por tanto, non se puideron realizar. Estamos nun dos concellos con maiores problemas de accesibilidade que temos. Esa sería unha medida externa e rápida xunto con potenciar a participación cidadá e convocar de maneira inmediata os consellos de participación veciñal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.