Allariz solicita fondos europeos para poñer en valor o seu patrimonio histórico

A cantidade solicitada ascende a 2.946.072 € para modernizar, facer máis eficientes e totalmente accesibles os edificios do Museo do Xoguete e do Centro de Interpretación Medieval respectivamente.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 22/05/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz quere reformar e pór en valor para uso turístico o edificio do CIMA --Centro de Interpretación Medieval de Allariz-- e a súa contorna e o edificio do museo Galego do Xoguete.

Vista de Allariz dende a zona do Castelo. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Vista de Allariz dende a zona do Castelo. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

Para este fin concorre á convocatoria de axudas do Ministerio de Industria Comercio e Turismo dentro do programa de mellora da competitividade da dinamización do patrimonio histórico con uso turístico. A cantidade solicitada ascende a 2.946.072 € para dúas actuacións e o obxectivo é modernizar, facer máis eficientes e totalmente accesibles os edificios devanditos para que poidan ser visitados e coñecidos por todos.

O casco histórico de Allariz, dentro do cal e atopan estas dúas edificacións, foi declarado Conxunto Histórico Artístico no ano 1971

MUSEO DO XOGUETE

As actuacións no Museo do Xoguete, antiga sede do xulgado e edificio de excelente cantería, buscan conservar a esencia do edificio, solucionar as deficiencias estruturais, ampliar a superficie de exposición do museo e dotar ao edificio dunha correcta accesibilidade. Con esta intervención, para a que se solicita a axuda, potenciarase o seu valor patrimonial e a capacidade do museo para albergar e presentar as coleccións, ao tempo que se mellora o posicionamento da vila do Arnoia coma destino turístico.

Casco vello de Allariz. Foto: XMF
Casco vello de Allariz. Foto: XMF

CENTRO DE INTERPRETACIÓN MEDIEVAL DE ALLARIZ (CIMA)

"Museo aberto do Castelo. Centro de interpretación medieval de Allariz" (CIMA) tamén entra no proxecto de axudas solicitado polo Concello de Allariz.

A  proposta de intervención basease na rehabilitación de tres inmobles contiguos situados baixo o monte de "O Castelo" como sede para o Centro de Interpretación Medieval de Allariz (CIMA), e a  recuperación e consolidación dun percorrido de camiños e sendeiros que se corresponden co trazado orixinal dos aneis defensivos do castelo hoxe desaparecidos, pasando polo "Campo dos Brancos" localización do antigo mercado, ata chegar ao barrio do "Socastelo", antiga xudería na época alto medieval.

A rehabilitación basearase en facer compatible a recuperación e posta en valor das estruturas existentes, sen cambios de volume nin aspecto exterior, coa articulación dun  espazo expositivo de funcionamento claro e que permita dotar ao museo de contidos de calidade que poidan ir cambiando e actualizándose co tempo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta