28M BNG Ana Pontón chama a "encher de papeletas" do Bloque as urnas para derrotar ao PP "desnortado"

O actor Luís Zahera pediu o voto para a candidata do BNG á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, "a alcaldesa que lle pode dar unha volta ao Concello de Santiago".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2023 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento a "encher as urnas de papeletas" do Bloque para derrotar a un Partido Popular "desnortado". A líder nacionalista participou este domingo nun mitin na localidade pontevedresa de Moaña acompañando á actual alcaldesa e candidata do BNG á Alcaldía, Leticia Santos.

Na súa intervención, Pontón pediu unha participación masiva e "encher as urnas de papeletas do BNG" para "dar esperanza, ilusión e futuro" e tamén "deixar atrás ao PP e ás súas políticas que fan Galicia máis pequena". Para Pontón, é momento de "abrir un tempo novo" no que, "fronte a un PP esgotado que xa é pasado", o BNG representa "o presente e o futuro".

Por iso, a líder nacionalista insistiu en que o BNG é a papeleta das persoas que "levan a Galicia na cabeza e no corazón", á vez que puxo en valor o modelo municipal "de éxito" que pretende estender por todo o territorio.

"A mellor política municipal de Galicia é a que fan os gobernos do Bloque. Sinónimo de prestixio, de calidade, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, con solucións de vangarda aos grandes retos que están sobre a mesa. Son concellos eficaces na xestión e que logran dinamismo no económico, no social e no cultural", resumiu.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, participa nun mitin en Moaña (Pontevedra) xunto á candidata do Bloque, Leticia Santos.. BNG
A portavoz do BNG, Ana Pontón, participa nun mitin en Moaña (Pontevedra) xunto á candidata do Bloque, Leticia Santos.. BNG

LUIS ZAHERA PIDE O VOTO PARA GORETTI SANMARTÍN

O actor Luís Zahera pediu o voto para a candidata do BNG á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, "a alcaldesa que lle pode dar unha volta ao Concello de Santiago". Nun vídeo compartido nas súas redes sociais, o actor compostelán mostrou o seu apoio á alcaldable nacionalista.

"Xa sabedes que na ficción son o irmán pequeno de Alberto Núñez Feijóo e na realidade o meu corazón é compostelán e quero mostrar o meu apoio ao BNG", comenta.

"O meu apoio a esa posible alcaldesa Goretti Sanmartín porque creo que lle pode dar unha volta ao Concello, unha volta a Compostela, e porque unha muller sempre vai facer moi ben as cousas", afirma.

NÉSTOR REGO

O deputado do BNG, Néstor Rego, comprometeuse a seguir traballando no Congreso, en coordinación co Concello, para defender o proxecto do ascensor e a pasarela elevada, elixida por Fene, para o paso sobre as vías do tren en Perlío e que sexa o Goberno do Estado o que financie as obras.

"O paso da vía do tren debe facerse con seguridade. O Concello xa negociou o proxecto con ADIF pero debe garantirse que sexa a empresa ferroviaria a que asuma o cargo económico, independentemente de que o Concello asuma unha pequena parte. Pero, sobre todo, garantindo que ese proxecto leve a cabo canto antes e asegurar que ese paso se fai pola seguridade de todos os veciños", defendeu Rego.

Por outra banda, o deputado do BNG lembrou o rexistro de emendas nos sucesivos proxectos de Orzamentos do Estado para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realizase actuacións nesa estrada.

"Defendemos o proxecto de humanización dos tramos urbanos da N-651 para mellorar a seguridade viaria da única vía de comunicación da comarca de Ferrolterra co exterior. Mesmo para a rotonda deste punto de Fene, en Santa Ana, e beirarrúas ata o cruzamento con AC-115" destaca Rego.

"Infelizmente, os partidos que forman parte do Goberno do Estado rexeitaron en numerosas ocasións estas iniciativas. PSOE e UP deberán explicar aos veciños de Fene por que votaron en contra deste proxecto de humanización e mellora da seguridade viaria, sendo este un compromiso do Partido Socialista para esta lexislatura" asevera.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta