Rafa Domínguez: "Durante os últimos anos Lores é incapaz de facer autocrítica sobre accións realizadas moi mal"

Rafa Domínguez (Pontevedra), candidato á alcaldía de Pontevedra polo PP, cre que a cidade necesita un cambio xa, urxente. Cre que xa pasou o tempo do "modelo Lores" e considérao esgotado, sen imaxinación. Apunta a desatención aos servizos sociais por parte do Concello e tamén á carencia de vivenda pola falta dun PXOM novo. Fala de sorpresas coas enquisas electorais e di sentir o cambio na cidade.

Por Moncho Mariño | Pontevedra | 25/05/2023 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

-Como está afrontando a recta final da campaña?

Arquivo - O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez.. PP PONTEVEDRA - Arquivo
Arquivo - O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez.. PP PONTEVEDRA - Arquivo

Con moita ilusión. A percepción que tiñamos hai catro anos, e iso que daquela conseguiramos subir, mais agora a xente, a vontade de cambio vese en cada sitio. Se hai tempo en Pontesampaio antes levabamos 50 persoas, agora levamos 150. Uns son do partido, algúns eran e agora volven e outras que só queren escoitar. Somos o único partido dando mitins en todas as parroquias e a xente na rúa pídeme cambio. Despois de tanto tempo, creo que o desexo de cambio está chegando á cidadanía, estamos vendo unha tendencia á alta en todas as enquisas, moi grandes, teño moita ilusión.

-Entón é factible realmente ou haberá outro mandato de Lores?
Son as dúas posibilidades existentes. Ningún partido ten opcións de entrar e calquera voto que non sexa para Lores vai ser para el igual, salvo o do Partido Popular, por tanto nós pedimos a concentración de voto neste momento. Creo que estamos, por primeira vez desde hai doce anos, con posibilidades reais de cambio en Pontevedra. É algo que se detecta, se sente nas enquisas cando poñen o PP en claro ascenso e o BNG en claro descenso. Isto é un proceso normal, considero que despois de vinte e catro anos hai un desgaste como se está vendo neste último mandato.

Somos o único partido dando mitins en todas as parroquias e a xente na rúa pídeme cambio

-Pensa o PP, de chegar á alcaldía, abrir ao tráfico da zona centro?
Non, iso non é certo. Eu entendo que o señor Lores está mandando un tipo de mensaxe que se estuda en Ciencias Políticas, unha mensaxe de medo. Eu abrir Raíña Victoria, si, meter un coche na Michelena, non, nin na Ferrería. Eu sempre digo, e creo que moita xente o respecta, Lores fixo cousas moi boas por Pontevedra, sobre todo durante os primeiros anos. Eu compro o modelo de cidade que presentou Lores en 1999. O tema son os últimos anos. O peche de Raíña Victoria, que é unha arteria de tráfico, pois o tráfico tamén é necesario, posiblemente non nos gusta, mais pechar esa rúa, non o compro. Se se estuda o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable  (PMUS) que aprobaron o BNG e o PSOE co voto en contra do PP, podemos sentir que haberá novas “Raíñas Victorias” e iso está escrito nun documento que asinou o señor Lores nun pleno do Concello. Lores 1999 si, porque fixo cousas moi boas, mais a democracia é unha carreira de relevos e entregar o  poder nuns anos a quen decidan os pontevedreses democraticamente. Coller o bo e mellorar o malo. Durante os últimos anos Lores é incapaz de facer autocrítica de cousas moi malas que fixo e non é capaz de ver, por exemplo as luces de Nadal, o problema da vivenda ou os servizos sociais. Este tema preocúpame moito porque non é posible que unha persoa con dificultades teña que esperar para unha consulta urxente catro meses nos Servizos Sociais de Pontevedra. A unidade de atención á drogodependencia, que depende de Lores, do BNG, é do SERGAS mais está transferida, é unha vergoña como está, que estas persoas teñan un servizo de drogodependencia en condicións pésimas.

-Que sucede con ese centro?
É unha cesión, un acordo que ten a Xunta de Galicia hai moitos anos co Concello, atende a 13 concellos e depende do señor Lores. Non che collen o teléfono porque non hai quen atenda, pedir cita para o psiquiatra desde outro concello tes que vir en persoa e logo volver para cando teñas a cita. As fotografías que colgou o persoal, dá pena, hai que mellorar, a cuestión humana, a cuestión técnica e a cuestión de instalacións porque están moi mal. Son cousas que non están funcionando e cando che falta autocrítica, despois de 24 anos cos pontevedreses confiando en ti, pensas que non fas nada malo.

Creo que estamos, por primeira vez desde hai doce anos, con posibilidades reais de cambio en Pontevedra

-O Tribunal Supremo freou a saída de Ence da ría. Cre que isto puido restarlle votos ao BNG e ao PP?
Creo que a xente en Pontevedra, o tema Ence xa o ten amortizado. Nunca me preocupou a empresa, preocúpanme as 500 familias que están alí. É un problema que por un recurso de Lores podería haber 500 familias na rúa dun día para o outro cun ERTE extintivo. E o señor Lores non tivo ningún reparo en facer iso. Agora hai unha seguridade xurídica aseguranto que a empresa está legalmente nese lugar, por tanto o alcalde equivocouse e gastou o diñeiro dos pontevedreses. Contratou a un bufete de avogados por 28.000 euros dos pontevedreses para facer outro recurso.  Hai unha seguridade xurídica, todo é legal e eu quero empresas legais en Pontevedra. Ence está nun sitio malo? Malísimo. Pódense modificar as cousas? Agora mesmo penso que non hai maneira, se o máximo tribunal de España di que é legal non hai máis que facer, tirar o diñeiro por unha ideoloxía política? De feito, o señor Lores no seu programa di que Pontevedra ten o aire máis limpo de España e a ría máis coidada de España e nun debate comigo dixo que van vir numerosos triatletas nadar nas augas do Lérez pois ten as augas moi limpas. Entón Ence non contaminará tanto e ademais é legal. Hai moita xente a quen non lle gusta ter aí a empresa, a min tampouco me gusta mais penso en 500 familias que cada mes reciben unha nómina e iso tamén é importante.

-Como define a política de medio ambiente dentro do seu programa electoral?
Eu aí teño unha aposta e colisiono directamente coa Xunta de Galicia, esixir xa o dragado do Lérez. É algo que queremos, é lóxico para os pontevedreses ter a ría dragada, temos que facelo. Iso compételle á Xunta mais cando estaba moi avanzado o proceso de dragado houbo un bloqueo por parte do BNG pedindo non emitir os áridos onde se ían emitir. O dragado é fundamental. Apostamos por unha recollida de lixo selectiva como se fai en toda Europa e apostamos pola compostaxe, mais non a compostaxe comunitaria que fai o señor Lores. Non se pode facer o proceso de compostaxe no medio da rúa, os contedores marróns hai que levalos para outro lugar, este é un modelo que xa pararon. Apostamos por un modelo de recollida de residuos urbanos como se fai en Oviedo con recollida porta a porta, a cidade máis limpa de España, con moitos premios, mais fai a compostaxe como se debe facer.

-Un dos factores económicos máis importantes é o turismo, polo que se ve coa chegada de triatletas á cidade. É compatible ese turismo coa presenza de Ence?
Si, neste momento a ría de Pontevedra e a cidade teñen un dos mellores turismos de España. Ence non xera problemas de ningún tipo, mais si debemos apostar por un turismo desestacionalizado. Non podemos ter en verán unha alta taxa de ocupación dos nosos hoteis e no inverno que o pasen mal. Por tanto, apostamos pola desestacionalización.

Creo que a xente en Pontevedra, o tema Ence xa o ten amortizado. Nunca me preocupou a empresa, preocúpanme as 500 familias que están alí

-Sente ou pensa que a sociedade pontevedresa está polarizada nestes momentos?
Vexo unha sociedade tranquila, non vexo liortas, non vexo polarización. Os partidos, fóra do contexto político levámonos razonablemente ben. Sucede, porén, que só vexo dúas opcións posibles para os vindeiros catro anos. Unha, cun alcalde canso, sen ideas novas e non aporta nada á cidade, que sinalaba a Fraga por levar moito tempo na Xunta cando el leva máis tempo que Fraga na Xunta. A outra opción é ao PP, unha opción que coñece a xente preparada, unha opción de persoas que agora mesmo andamos nos 40. Nacín, vivo en Pontevedra e traballo aquí. Nunca me presentarei a unhas eleccións noutro concello que non sexa  Pontevedra. E os outros dous candidatos si se presentaron noutros lugares, por tanto, creo que a nosa opción vai dar unha sorpresa. As enquisas sempre dan cambios importantes no último día e teño a certeza que Pontevedra vai mirando máis para o cambio.

-Se vostede chega á alcaldía, pode ter o compromiso da Xunta para aumentar o parque de vivenda para xente nova e en situación vulnerable?
Iso é importantísimo. Son o primeiro, como pontevedrés, independentemente do partido que sexa, en esixir á Xunta máis vivenda pública. Hai unha cuestión, estamos nun concello que xa non ten PXOM. En Pontevedra tanto o prezo da vivenda como o aluguer aumentaron de maneira disparatada, iso con Lores de alcalde, que non fixo nada pola vivenda. Se ti non tes un PXOM non  podes saber onde construír. Redúcese a oferta, aumenta a demanda e os prezos acaban disparándose.

-Falouse tamén da creación do Museo Nacional de Galicia cos fondos do Museo Provincial e outros procedentes de diversos lugares. Que di o PP sobre isto?
Direi que eu apoiei a compra de Santa Clara. É certo que eu dixen o prezo que debera ser e foi iso, tres millóns de euros. Eu non comparto a compra do Concello e logo darlla á Deputación. Seguramente se fale de proxectos mais a día de hoxe Santa Clara está como cando se mercou, non hai nada avanzado. Temos dous edificios do museo que levan pechados doce anos sen sacarlles ningunha utilidade. Paréceme ben ter o mellor museo de Galicia, creo que o imos ter, e iso vai pasar porque o PP porá a andar as iniciativas paralizadas nestes momentos. Mais seguramente hoxe ou mañá, aparecerá un proxecto enorme para Santa Clara, de momento non hai nada.

-Que normativas manterá e cales retiraría en caso de ser o novo alcalde?
Creo que hai cousas moi boas. Feira Franca, adoro esta feira, Feira do Libro, temos que ir a ela, Novos Cinemas, debemos mantelo. Toda cuestión cultural debe continuar coas mesmas persoas que o levan facendo desde hai anos. O ben feito hai que mantelo. Boto de menos concertos de mais calidade na Peregrina. Agora non vexo nada da área cultural para pechar. Os eventos deben seguir por que senón despois é moi  difícil de arrincar. Son práctico para estes asuntos.

As enquisas sempre dan cambios importantes no último día e teño a certeza que Pontevedra vai mirando máis para o cambio

-Rueda deulle algún consello para esta campaña?
Deume un hai catro anos e que non cumpro. Díxome “cando vaias aos furanchos, bebe viño”. Eu non bebo alcohol mais algúns teñen apartados refrescos. Aconselloume traballo, traballo e traballo, contacto coa xente e iso foi o que me dixo e facemos.

-Cal sería a primeira decisión que tomaría como alcalde?
Cando se pechou Raíña Victoria díxose que era para protexer os nenos, iso é mentira. Eu que son médico, un concelleiro do BNG nun pleno díxome que se eu quería que morresen os nenos era un mal médico. Pasou a pandemia, a rúa segue pechada porque tiñan o plan de pechar para facer un bulevar, por tanto mentiron e dixeron que eu quería ver enfermos os nenos de Pontevedra. Así pois, simbolicamente, a apertura de Raíña Victoria debe ser imprescindible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta