A última grande estratexia de "Sun Tzu" Jácome

Cando Os Resentidos cantaban aquilo de "Galicia sitio distinto" quizais pensaban en Ourense. Cando Blanco Amor escribiu A Esmorga tiña a Ourense na cabeza e cando Jácome pensa en Ourense igual hai que volver ler o famoso manual do estratega chinés Sun Tzu.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 29/05/2023 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

"Coñece ao teu opoñente, coñecete a ti mesmo e non porás en perigo a túa victoria"...O gran estratega chinés Sun Tsu escribía hai case 2.500 anos un magnífico manual sobre a 'arte da guerra'. Unha guerra moi diferente a de hoxe pero moi semellante en canto a estratexias. E, precisamente, con estratexias cuasi bélicas hai que ollar o que aconteceu nalgunhas cidades galegas o pasado 28M, especialmente, na de Ourense. 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, intervén durante unha rolda de prensa
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, intervén durante unha rolda de prensa | Fonte: Agostime - Europa Press

Os resultados do actual rexedor Gonzalo Pérez Jácome foron a gran sorpresa nunha cidade e nunha provincia acostumada xa aos sobresaltos políticos. Ourense é sitio distinto, e ben se pode aplicar aquí aquilo que cantaban Os Resentidos nos anos 80, "Arde Galicia co lume forestal/ E con lume ou sen lume ti tamén podes arder/ Porque no inferno forestal non se está tan mal/ Ainda que a piromania non che me dá nada igual". 

E é que Ourense xogou con lume e acabou incendiada de tal xeito que os pirómanos que o provocaron acabaron chamuscados e cuasi queimados pero para algúns, o "inferno forestal non está mal". Porque neste incendio político os que se queimaron foron os que xogaron co lume e non o piromano profesional.

A CAMPAÑA DOS MEDIOS

Jácome pasou de sete a dez concelleiros, sacou o 34% dos votos na cidade e máis do 10% en toda a provincia o que se traduce en tres deputados provinciais. Toda unha proeza se se ten en conta a forte presión mediatica á que estivo sometido durante toda a campaña electoral tras a publicación de audios moi compremetedores sobre as súas prácticas políticas nos xornais La Región e La Voz de Galicia.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Agostime - Europa Press

Uns audios que el sempre enmarcou nunha campaña orquestrada polo PP en connivencia con eses poderes mediaticos que, finalmente, lonxe de ter un efecto disuasorio no electorado, acabaron funcionando como un efecto boomerang en contra dos instigadores do mesmo. E é que o 'caso Jácome' será digno de estudo nas principais facultades de Ciencias Políticas polas implicacións políticas que ten.

"É unha vergoña o que lle están facendo", "vai arrasar" ou "o PP e o PSOE presentan a condenados xudiciais". Son tres dos argumentos que este xornalista escoitou a tres rapazas novas nunha conversa nocturna nun bar. Unha delas, moi vinculada no seu día ao PSdeG e a outra ao PPdeG. Curiosamente, conversas que se fan en confianza porque publicamente ninguén parecía querer defender Jácome.

Son argumentos, o do "acoso" e o de "candidatos delincuentes", que o propio Jácome soubo hábilmente explotar durante a campaña electoral e que acabaron callando en boa parte dun electorado que xa non confía nos grandes medios de comunicación tradicionais. 

Porque a vitoria de Jácome é a derrota de PPdeG e PSdeG, de La Región e La Voz, pero, principalmente, do PPdeG que foi o partido que creou o "monstro". Despois alimentouno e deixouno crecer ata que comprobou que xa non o podía dominar. E se dalgo sabe o fundador de Democracia Ourensana é de dar espectáculo e saír ben parado. Algo que aprendeu durante moitos anos en Auria TV, a súa propia televisión privada.

E AGORA QUE?

O "showman" Jácome seguirá dando que falar, para ben ou para mal, pero seguirá tendo unha publicidade gratuíta que semella que lle fai ben en Ourense. E se leu a Sun Tzu, o estratega de DO podería "someter ao inimigo sen loitar". E esa podería ser a súa próxima estratexia.

"Aínda que teña ao árbitro en contra e xogue contra equipos da Champions League xoga na casa e ten a case todo o estadio ao seu favor", apunta un cargo político do PSdeG que declara estar "completamente soprepasado" polo acontecido na súa cidade. Algo, obviamente, que non agardaban no Partido Socialista e, menos, no Partido Popular.

E, agora que?. O pacto non escrito acadado entre PPdeG e PSdeG apuntaba que deixarían gobernar á lista máis votada, suponse que a lista deles, non a de Jácome. Polo tanto, seguindo esta regra non escrita, Manuel Cabezas, o candidato popular tería que ser o vindeiro alcalde co apoio dos socialistas e o visto prace do BNG.

Pero quizais este escenario xa non é o máis desexable para ningún dos dous. O PP non quere gobernar en minoría unha cidade con sete concelleiros de 27 e tendo a todos o resto de partidos en contra. Un escenario que, ademais, depende do que vai pasar na Deputación de Ourense, cun PP sen maioría absoluta.

Así que, Jácome, novamente, xoga con ventaxa e pode "someter ao inimigo sen loitar". Pode deixar que socialistas e populares acaben loitando un contra o outro e boten por terra supostos pactos non escritos porque, ao final, será el quen decida o futuro do concello e da deputación.

BALTAR A MADRID OU BRUXELAS?

"Xa se fala de mandar a Baltar a un posto a Madrid ou a Bruxelas", apuntan fontes consultadas. Sería o único xeito de tentar calmar o apetito de vinganza de Jácome que apunta, senón directamente, a Baltar e ao seu partido do 'affaire' dos audios. Quizais, esta poida ser a única solución que poida salvar ao PP das gadoupas do monstro que creou hai catro anos. "Se utilizas ao inimigo para derrotar ao inimigo, serás poderoso en calquera lugar a onde vaias". Quizais esa poida ser a última grande estratexia de "Sun Tzu" Jácome.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

5 Gamela

Cicais deberamos reflexionar de vagar ¿que sucede en Ourense? Nunca vín tantos partidos políticos para unha Deputación coma todos que figuran (con votos) nesta listaxe de resultados. https://resultados.locales2023.es/r... Será que xa ninguén se fía de ninguén en Ourense ? Será iso o que permite a Jácome sacar a cabeza contra os que buscan o poder pola cara ? Non vivo en Ourense pero os Plenos falan por sí sós (e non son capaz de identificar as Mentiras de Jácome sen ver as mentiras de tódolos demáis...) En Vigo estaban moi claras as mentiras do PSOE (20) pero tamén estaban claras as mentiras da Marea (2) e moi claras as mentiras do PP (4) ~ Eu creo que o único que "case nunca mentiu" foi o representante do BNG en solitario fronte a 26 falabaratos ! Cicais por iso subiu a 3 Concelleiros ? Será iso...

4 BRIGADA ANTICORRUPCION

Botaide!!!! botaide!!!! botiadelo fora dunha santa vez o edil ocupa!!!! o corruto autoconfeso!!!!

3 Gamela

Quen abriu camiño foi o torpe de Villarino cando considerou que o sillón da Alcaldía estaba ligado á Presidencia da Deputación ! Resultado : Formoso o retira da lista de Ourense e o manda a San Cibrao ! A xente non é parva sabe que tanto PSdG como PPdG buscan controlar o urbanismo de Ourense. Jácome será populista pero non minte. De feito ningún Concello ten Plenos tan Abertos coma Ourense ! Visto dende Vigo producen envexa democrática ! Ollo que os Tiranos tamén poden gobernar con 20 concelleiros e maiorías absolutas e facer o indio populista coma Jácome ! E Jácome sáelles moito máis barato aos ourensans...

1 Baralleta

Jácome minte institucional e persoalmente. Precisamente vemos os plenos.

2 Gamela

As Torres do Miño ~ COPASA marcaron un camiño envelenado : quen se faga co Concello aprobará o pelotazo urbanístico ! E Jácome é de momento o único que se opón a esta burrada urbanística ! Os cartos non son suficientes para mercar todas as vontades, de momento... ¿por que non votar a Jácome para evitar o pelotazo que saben que é o único que lles interesa a todos os demáis (agás BNG)?

1 Gamela

Máis que estratexia simple casualidade. Jácome non é ningún gurú da política, pero ten eso que os galegos chamamos "sentidiño ou sentido común" e o que amosou durante estes catro anos é que se pode dirixir un concello con 2 ou 3 concelleiros e cos funcionarios en contra e o resto sobran ! Eso sempre se esquece á hora de valorar a lexislatura de tolemia que viviu Ourense !

1 Baralleta

Desconfigurou todo o concello. Tóda-las áreas. Ignorou por completo moitas delas. E comete o mesmo erro ca ti. Jácome non lexisla, as súas normas carecen de rango de lei. Eso é o quere el, impoñer o seu criterio. Mandar a súa lei. Buf, se non é polo funcionariado…