O Sergas pagará máis de 1.300 euros a enfermeiros que fagan 105 horas de xornada extra por ano

Os enfermeiros que queiran percibir o plus terán sete meses para cumprir este obxectivo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2023 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) pagará un plus de 1.365 euros ao ano a aqueles profesionais de Enfermaría que fagan 105 horas de xornada complementaria en todo o exercicio. Os traballadores cobrarano o mes de febreiro.

Este complemento de produtividade variable (CPV) é unha das principais novidades da proposta trasladada o luns pola Administración galega aos sindicatos representados na Mesa Sectorial (CIG, CSIF-CESM, CCOO e UGT).

A CIG e outras fontes sindicais consultadas por Europa Press afean que, este ano, o plus empezarase a aplicar a partir do 1 de xullo e o cómputo das 105 horas estenderase ata o 31 de xaneiro de 2024 para o seu cobro en febreiro. É dicir, os enfermeiros que queiran percibir o plus terán sete meses para cumprir este obxectivo.

Iso si, fontes do Sergas explican a Europa Press que se trata de retribucións da xornada complementaria, unha medida que está prevista para épocas de maior demanda de profesionais, por exemplo o verán e o Nadal. Ademais, as mesmas fontes recalcan que isto non altera a contratación de profesionais a través de listas, que é o "método principal" para a cobertura de necesidades de persoal.

A maiores deste complemento, o Sergas presentou na Mesa Sectorial unha actualización da táboa de retribucións da xornada complementaria para enfermeiros --regulada xa en 2021--, que se empezará a aplicar a partir do próximo 1 de xullo e que mesmo se incrementará desde o 1 de xaneiro de 2024.

Deste xeito, a partir do próximo ano, a realización de xornada complementaria pagarase con 155,89 euros en días laborables e 252,63 euros en festivos, no caso da quenda de mañá e tarde (7 horas); e con 270,70 en laborables e 308,31 en noites de sábado e prefestivas, no caso da quenda nocturna (10 horas).

FIN DE SEMANA DA OPE

Por outra banda, o Sergas pagará entre 292,60 e 354,20 euros a enfermeiros que fagan quendas a maiores da súa xornada habitual para cubrir as ausencias que se prevén para o domingo 25 de xuño, cando se celebrarán os exames da oposición de Enfermaría.Os sindicatos sanitarios --especialmente Satse-- manifestaron anteriormente a súa preocupación por como cubrir os postos das persoas que se presenten ás probas.

O Sergas propón retribuír de forma especial o 25 de xuño --tanto a quenda de noite do sábado 24 como a mañá e a tarde do propio domingo--. Os pagos máis altos serán para os enfermeiros que fagan quenda a maiores da súa xornada, que cobrarán a xornada complementaria máis dous módulos de festivo ou noite prefestiva.

Así, as persoas que fagan a quenda de mañá e de tarde do domingo 25, cobrarán 292,60 euros; mentres que aquelas que fagan a quenda de noite do sábado 24 percibirán 354,20 euros.

Pero a proposta tamén contempla retribucións especiais para o persoal de Enfermaría que cambie de quendas. Cobrarán coma se fose un día de especial significación: 148,12 euros a quenda de mañá e tarde do domingo e 147,80 euros a quenda de noite do sábado. Con todo, o persoal que xa ten algún das quendas asignadas, cobrarán as súas retribucións habituais.

Unha enfermeira atende a unha paciente na UCI / Arquivo / Europa Press
Unha enfermeira atende a unha paciente na UCI / Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta