Pode Rueda adiantar as eleccións galegas a este ano tras os resultados do 23X?

O presidente galego non di "non" cando se lle pregunta por esta cuestión. Polo momento, "non está na axenda".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/06/2023 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Haberá ou non haberá adianto electoral en Galicia?. O presidente da Xunta descartou categoricamente un adianto para facer coincidir os comicios galegos cos estatais, pero, non se pronuncia abertamente sobre mantelos na data orixinal, xullo do vindeiro ano.

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo (2d) e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d) na Romaría do PPdeG
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo (2d) e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d) na Romaría do PPdeG | Fonte: César Argina - Europa Press

Nos últimos días son moitas as voces no propio Partido Popular que non descartan esta hipótese e, algunhas delas, mesmo non entenden como non se fixeron coincidir xa as eleccións galegas coas xerais. De feito, os partidarios desta hipótese apuntaron nos distintos comités provinciais que o PPdeG está mantendo estes días que, así, se mantería "alta" a tensión electoral e que os resultados das locais e o "arrastre" do efecto Feijóo podía axudar a conservar o goberno da Xunta.

Alfonso Rueda non negou este xoves que existan eses debates internos dentro do seu partido, pero quixo aclarar que, aínda que os procesos electorais non coincidan, non se vai rebaixar a tensión electoral. "Eu xa dixen que non temos que relaxarnos", indicou.

Preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta por esta cuestión, Rueda dixo que o máis fácil tería sido facer coincidir os dous comicios, pero deixou claro que Galicia ten a súa dinámica propia e non é momento de desestabilizala. "Polo tanto, sobre este tema non hai novidade", dixo.

E ante a insistencia de se logo dos resultados electorais das xerais, non ten pensado adiantar as eleccións,  non foi tan categórico. "Quería preguntarlle se, a día de hoxe, ten pensado adiantar as eleccións galegas a finais deste ano en función dos resultados do 23X. Creo que a resposta é sinxela, ou si ou non?", preguntoulle Galicia Confidencial nesa rolda de prensa. "Agora non está na miña axenda. Eu sigo coa senda de estabilidade en Galicia", foi a súa resposta. 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo,  no foro El Debate en Madrid
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, no foro El Debate en Madrid | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta