A Xunta converterá tres institutos de Vigo, Pontevedra e Vilamarín en centros integrados de FP

Cos tres novos, Galicia pasará a dispor dun total de 27 destes centros integrados que serven como "referencia" para cada un dos sectores produtivos sobre os que hai oferta de FP.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2023 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

Os institutos de Secundaria Audiovisual de Vigo, Montecelo de Pontevedra e o de Vilamarín  converteranse o próximo curso 2023/24 en centros integrados de Formación Profesional que pasarán a estar especializados en imaxe e son, en sanidade e en hostalaría, respectivamente.

A reunión semanal do Goberno galego celebrada este xoves avaliou un informe sobre este proceso que implicará que, a partir do seguinte ano académico, deixarán de impartir os ensinos de ESO, segundo avanzou en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Cos tres novos, Galicia pasará a dispor dun total de 27 destes centros integrados que serven como "referencia" para cada un dos sectores produtivos sobre os que hai oferta de FP. Ademais, permiten o desenvolvemento de accións innovadoras do profesorado coa participación do tecido empresarial.

No caso do IES Audiovisual de Vigo, será o centro de referencia para o sector de imaxe e son no sur de Galicia. O IES Montecelo permitirá reforzar a especialización na sanidade na área de Pontevedra, o que redundará nunha maior oferta de profesionais da saúde. Finalmente, o IES de Vilamarín será unha aposta polo sector agrohostelero e na hostalaría de 'quilómetro 0', é dicir, sustentable.

Alfonso Rueda destacou que a rede actual de 24 centros integrados de FP aglutina un 46 por cento das matrículas dos máis de 60.000 alumnos que cursan ciclos na Comunidade galega.

CENTROS DE FORMACIÓN AGRARIA

Por outra banda, o presidente da Xunta avanzou que a oferta de prazas nos Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) da Consellería do Medio Rural elevarase o próximo curso ata o total de 328, un 9 por cento con respecto ao anterior.

En concreto, haberá 30 vacantes a maiores no centro Pedro Murias de Ribadeo, 115 máis no de Guísamo, 42 no de Lourizán, outras 42 no de Becerreá e 99 novas no de Sergude.

Ademais, poranse en marcha tres novos ciclos da modalidade dual --alterna a formación entre o propio centro educativo e as empresas-- en xardinaría e florería (Guísamo), en produción agroecológica (Pedro Murias de Ribadeo) e en gandería e asistencia en sanidade animal (Sergude).

Reunión do Consello da Xunta presidida por Alfonso Rueda.. XUNTA
Reunión do Consello da Xunta presidida por Alfonso Rueda.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta