Como está a lingua galega tras 40 anos da Lei de Normalización Lingüística?

O coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, o académico Henrique Monteagudo, ve necesario "un amplo pacto pola lingua" que "recosa os imprescindibles apoios políticos e sociais", pero non para "aplicar remedios pasaxeiros, senón medidas eficientes". Esta é a súa opinión publicada na tribuna de academia.gal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2023 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

40 anos da Lei de Normalización Lingüística

Henrique Monteagudo, vicesecretario da RAG
Henrique Monteagudo, vicesecretario da RAG | Fonte: Academia.gal

O 15 de xuño fanse corenta anos da aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (LNL). Esta desenvolve o artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que declara o galego "lingua propia de Galicia", dispón a súa oficialidade, proclama o dereito de coñecelo e usalo e contén un mandato normalizador para que os poderes públicos o promovan "en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa". A partir da aprobación da LNL, o goberno galego centrou a súa política lingüística en fomentar o prestixio cultural da lingua, promover o seu uso nas administracións públicas, a educación, os medios de comunicación e a produción cultural, e mellorar as competencias e actitudes lingüísticas da poboación. O galego gañou novos ámbitos de uso, a maioría da xente sabe lelo e escribilo, a produción cultural florece. Hoxe temos galegofalantes cunha robusta conciencia lingüística, educados no seu idioma e capaces de desenvolvérense nel en todos os ámbitos da súa vida. Non obstante, o galego segue perdendo falantes, ten unha presenza pouco máis que testemuñal nos principais medios de comunicación, e os vellos prexuízos rebrotan, mentres xorden outros novos.

O impulso das políticas normalizadoras ata 2004 variou en función das prioridades políticas e das limitacións orzamentarias dos sucesivos gobernos, mais, resumindo, pódese dicir que o obxectivo central foi promover o idioma evitando os conflitos. Despois das polémicas do período 2005-2010, impúxose o neoliberalismo lingüístico, que tivo consecuencias nefastas, en termos tanto de medidas regresivas canto do tóxico clima social que orixinou: reaviváronse actitudes discriminatorias, reanimáronse prexuízos, e moitos galegofalantes se sentiron desamparados. Facendo abstracción da fase aguda da campaña contra a “imposición do galego”, as políticas aplicadas teñen sido caracterizadas como “extensivas” e “de baixa intensidade”, trazos que lembran as fracasadas políticas de revitalización do gaélico irlandés. A persistencia dos fenómenos de substitución lingüística e de ruptura da transmisión interxeracional son ben elocuentes das limitacións desta política.

O reto da normalización asumiuse con entusiasmo voluntarista, pero sen experiencia previa e con escasos coñecementos sobre como xestionala. Moitos erros podían evitarse se se contase cun maior coñecemento experto e cun persoal mellor preparado. Alén disto, cando se aprobou a LNL ninguén ventaba o tsunami das novas tecnoloxías da información e a comunicación nin podía sospeitar ata que punto a Web, os computadores e os teléfonos móbiles transformarían a nosa experiencia cotiá. Velaí un reto crucial, pois é ben sabido que na adaptación rápida ás innovación técnica se xoga moito do futuro das linguas. Por parte, hai corenta anos nin sequera existía o termo "globalización", un fenómeno que acabou por identificar o plurilingüismo, antes sinónimo de diversidade, co inglés, o que colocou o reto de integralo no noso sistema educativo sen detrimento do idioma propio.

As políticas que se aplicaron nas pasadas décadas, centradas no ensino e no prestixio cultural do galego, mentres se asume a hexemonía do castelán na economía, nos medios de comunicación, nas novas tecnoloxías e na cultura de masas, reveláronse ineficaces. Tanto a instrumentalización do idioma na propaganda partidista coma as estratexias de confrontación demostráronse daniñas. Cómpre un amplo pacto pola lingua que recosa os imprescindibles apoios políticos e sociais, pero non para aplicar remedios pasaxeiros, senón medidas eficientes. Precísanse políticas intensivas, de proximidade, á altura dos desafíos do momento, adaptadas aos distintos contextos, con prioridades claras e obxectivos ben definidos, que interpelen as maiorías sociais, que mobilicen os compromisos e optimicen os recursos. Cómpre un novo impulso para afrontar os retos de futuro do noso idioma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta