Helicópteros de Gardacostas: que pasará agora sen Rosa Quintana?

O relevo de Rosa Quintana por Alfonso Villares no departamento de Mar trae tamén a incógnita de que pasará co servizo de Gardacostas, sobre todo cos helicópteros de rescate, Pesca 1 e Pesca 2. Haberá por fin unha substitución dos mesmos por modelos máis capaces e modernos? Haberá máis transparencia no momento de sacar a concurso os novos contratos?

Por Moncho Mariño | Santiago | 17/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os grupos parlamentarios galegos da oposición, PSdeG e BNG, reclaman maior transparencia desde a Xunta cando se realicen as contratacións do servizo de rescate marítimo. Sobre todo, piden acceder á confección dos pregos onde figuran as condicións para contratar o servizo de salvamento marítimo. Por outra parte, tamén denuncian que o mesmo goberno galego recoñecera (como xa aclarou Galicia Confidencial) a obsolescencia dos actuais aparatos Sikorsky  S-76C+, matrículas EC-JET e EC-JES, e aínda activos en xuño de 2023 segundo AESA. A falta de acceso á documentación ou elaboración da mesma non ten explicación por parte do goberno galego nin do grupo parlamentario popular. Só remiten a estaren cumprindo coa lei de contratacións públicas, mais socialistas e nacionalistas coinciden na opacidade da Xunta sobre este tema.

Helicóptero Pesca 2
Helicóptero Pesca 2 | Fonte: TWITTER SALVAMENTO MARÍTIMO


CONTINUARÁ O “CHOIO”?

A deputada do PSdeG, Patricia Otero, destaca que xa en 2012 a propia Xunta, despois de vender os Sikorsky a Babcock (agora substituida por Avincis), eran dous helicópteros xa obsoletos. A pesar diso, Babcock operou con estas máquinas até o día de hoxe sen que houbese renovación ningunha. “É un choio entre amigos, un negocio entre colegas” di Otero. Os orzamentos actuais son de case 60 millóns de euros para o servizo de Gardacostas e entre eses cartos figura o aluguer das aeronaves, cada vez máis vellas e cada vez máis caras.

“Primeiro Babcock e logo Avincis incumpriron coa renovación da frota” sinala Rosana Pérez, deputada do BNG. “Os pregos da Xunta para o contrato de Gardacostas esixía dous guindastres de rescate mais os helicópteros actuais só teñen un”. Os pregos actuais destacan que cun guindastre é abondo, e iso tomando como exemplo os dous guindastres das aeronaves de Sasemar. Os Sikorsky “foron desbotadas polo ente público estatal SASEMAR” sinala unha proposición non de lei do BNG presentada o 23 de marzo de 2023.

DE MOMENTO, ESPERAR

A saída de Rosa Quintana da Consellería do Mar trae aparellado o posible cambio nos organigramas do departamento agora dirixido por Alfonso Villares. En tal caso, Villares ten por diante a licitación do novo contrato de Gardacostas (2023-2027) e que entará en vigor o 1 de novembro deste 2023. En tal caso, a Xunta emitiu unha nota de prensa o 20 de abril do presente ano.

Dentro están os seguintes parágrafos: “O obxectivo é que o novo contrato entre en vigor o 1 de novembro deste ano -o que está vixente extínguese o 31 de outubro- e que se estenda ata o 31 de outubro de 2027, ou de 2028 en caso de que se execute a posibilidade de prórroga”.

Os requisitos exixidos ás empresas candidatas promoven o desenvolvemento dos labores de salvamento nas costas de Galicia con aeronaves modernas e dotadas das últimas tecnoloxías. Ademais de requirir as características técnicas máis avanzadas -como unha velocidade máxima igual ou superior aos 150 nós, un peso máximo de despegue igual ou superior a 6.400 quilos, capacidade para catro tripulantes e 12 náufragos ou unha potencia de despegue superior á dos modelos actuais-, o concurso outorga puntos adicionais polo emprego de helicópteros construídos despois do ano 2015”.

A nota de prensa sinala especificidades que deberan ter os aparellos. Non obstante, e aínda que se terá en conta que sexan máquinas fabricadas despois de 2015, non se menciona a obrigatoriedade de cambiar os Sikorsky actuais por outros medios novos.

Os principais retos que ven por diante os grupos da oposición ante esta situación son, primeiro eliminar a opacidade das contratacións e volver totalmente transparente a contratación. E non só en Gardacostas, “porque esta empresa tamén ten os helicópteros contraincendios”.

Se se seguen ao pé da letra os pregos da Xunta, é posible que non haxa renovación de aeronaves. Aí o novo conselleiro, Villares, debera convencer ás diferentes partes para un cambio en todos os sentidos, incluíndo renovacións dentro da consellería, algo que de momento está por ver. Polo de agora, os helicópteros Sikorsky seguen operativos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta