O negocio dos helicópteros en Galicia: por que non renova a Xunta a súa flota xestionada por un fondo de investimentos?

A contratación de novos helicópteros de rescate por parte da Xunta de Galicia levantou polémica no Parlamento. Os grupos parlamentarios pediron unha investigación por “incumprimentos” da empresa Avincis, substituta da antiga operadora Babcock. Un dos presuntos incumprimentos sería a non incorporación dos modelos Leonardo AW-139 que substituirían os actuais Sikorsky S-76C+.

Por Moncho Mariño | Santiago | 07/06/2023 | Actualizada ás 22:55

Comparte esta noticia

A empresa Avincis, substituta de Babcock na propiedade dos helicópteros de rescate da Xunta, tería ofrecido a substitución dos modelos Sikorsky S-76C+ polos máis potentes e modernos Leonardo AW-139. Ambos os dous modelos presentan un aspecto físico moi similiar entre eles que pode levar a confusión. O caso é que a substitución dos helicópteros presuntamente non se ten realizado segundo apunta o empresario Javier Murua, CEO de Seprogal Servicios Aéreos, S.L. (SSA). Ese sería o caso do helicóptero Pesca 2 situado na base de Celeiro (Viveiro). “A fotografía saqueina o mes pasado e ese modelo (S-76C+) non tiña que estar aí, ese modelo debera estar xubilado desde 2017”.

Matriculación dos S-76 de Gardacostas de Galicia
Matriculación dos S-76 de Gardacostas de Galicia | Fonte: AESA

En 2017 saíron dous concursos para contratación de helicópteros de rescate. O primeiro foi o 5/2017 que quedou deserto. “A ese presenteime eu só e non me foi concedido por non ter actualizados uns pagamentos con Facenda” segundo Murua, quen ademais indica que daquela, Babcock, pedira máis diñeiro ou non entraba no concurso. O segundo concurso, 10/2017, Bacock ofertou o Leonardo AW-139 segundo indica o CEO de SEPROGAL.

ONDE ESTÁ O LEONARDO?

A Consellería do Mar ofreceu a documentación “MAR-2023-0009:Servizo de operación e mantemento de dous helicópteros para a prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia”. A Consellería sinala que “o novo contrato do Servizo de operación e mantemento de dous helicópteros para a prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia só se anuncia no DOUE, tal e como pode verse na plataforma de Contratos de Galicia:
https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=819962&lang=gl

Dentro de toda a documentación presentada pola Xunta de Galicia, no “Informe da necesidade e da idoneidade da contratación polo procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada dos servizos de operación e mantemento de dous helicópteros para a prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia”, pode verse que o valor estimado da contratación chega case aos 58 millóns de euros. Este informe foi elaborado pola Secretaria xeral técnica (PD: orde do 21/2/2022).

Documento AESA que mostra a matriculación do Leonardo AW-139
Documento AESA que mostra a matriculación do Leonardo AW-139 | Fonte: AESA

Porén, no documento faise unha comparación entre o servizo de helicópteros de Gardacostas da Xunta e os do Servicio de Salvamento Marítimo (SASEMAR) dependentes do Goberno central. A Xunta, no documento mencionado sinala que: “SASEMAR require que os helicópteros ofertados non teñan unha antigüidade superior a 11 años, mentres que a consellería non establece ningunha condición relativa á antigüidade das aeronaves (si o valora como mellora); e a segunda diferencia consiste en que SASEMAR esixe que os helicópteros teñan instalada unha segunda grúa de respaldo (back-up), e a consellería non a esixe nesta nova licitación”.

Non especifican un modelo en concreto, mais o documento, e na mesma páxina 13: “o helicóptero tipo mediano que presta servizo en SASEMAR en virtude da citada licitación (o modelo AW-139) cumpre perfectamente todos os requirimentos esixidos pola Consellería do Mar nesta nova licitación do servizo. E polo que se refire aos equipamentos de aviónica e as capacidades SAR e LCC dos helicópteros non existen diferencias substanciais entre ambas licitacións”. Este parágrafo estaría dando a entender que Avincis (antes Babcock) ofrecía o Leonardo AW-139 para o Servizo de Gardacostas de Galicia.

A cuestión é que segundo testemuños consultados por GC, a última vez que o Leonardo AW-139 estivo en Galicia foi en 2017. Nun vídeo subido a Youtube este Leonardo realiza un servizo de rescate. “Mais non hai constancia de que se usara ese helicóptero desde 2017”. Con anterioridade consta como última data 2013.

A confirmación vén da matrícula do Leonardo AW-139 que aparece no vídeo, EC-LIS, correspondente a un aparato Agusta, antigo nome da ítalo-americana Agusta Westland, fabricante do Leonardo. Este aparato, segundo informacións tanto recollidas na Internet como grupos de Whatsapp formados por profesionais do rescate aéreo, está circulando entre diferentes heliportos e aeródromos de toda España. A súa presenza pode verse na táboa de aeronaves matriculadas en España até o 1 de xuño de 2023 na Axencia Española de Seguridade Aérea (AESA).

Os aparatos que segundo as mesmas fontes están operando nestes momentos en Celeiro (helicóptero Pesca 2, matrícula EC-JET) e Vigo (helicóptero Pesca 1, matrícula EC-JES) son os vellos Sikorsky S-76 C+. Ambos os dous aparatos están operativos segundo consta tamén na listaxe de aeronaves matriculadas en AESA.

PAGAR MÁIS POLO MESMO

A Xunta de Galicia mercara en 2005 os aparatos Sikorsky S-76C+ cun custo para as arcas públicas de 27 millóns de euros. O mantemento e a xestión do servizo de Gardacostas recaeu na empresa Inaer, logo comprada por Babcock e agora comprada por un fondo de investimento británico, Ancala Partners, que rebautizou a empresa como Avincis.

En 2012 a Xunta vende a Babcock os dous helicópteros por 13 millóns de euros. O Consello de Contas denunciara irregularidades nesta venda. Daquela a Xunta xa puxera sobre a mesa a obsolescencia dos S-76. Aínda así, en todos os concursos Inaer, Babcock e agora Avincis está ofertando os mesmos S-76 mercados en EE UU de segunda man.

Todo isto, cando a mesma Consellería de Mar considera recomendable que os aparatos destinados a rescate non sobrepasen os 11 anos de fabricación, tal cal fai SASEMAR. Os anos de esamblaxe do Sikorsky son do CE-JET, 2005 e do CE-JES 2004. O novo contrato está obrigando á Xunta a pagar case sesenta millóns de euros por dous aparatos con case vinte anos de servizo “e o risco que iso pode ter”.

Leonardo AW-139 Agusta-Westland, matrícula EC-LIS
Leonardo AW-139 Agusta-Westland, matrícula EC-LIS | Fonte: cedida
Sikorsky S-76  matrícula EC-JET en Celeiro (Viveiro)
Sikorsky S-76 matrícula EC-JET en Celeiro (Viveiro) | Fonte: cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta