1.300€ como "peóns forestais e de caza": así son as condicións da empresa contratada pola Xunta para combater os incendios

As empresas privadas que traballan para a Xunta na loita contra o lume operan desconectadas do sistema público contraincendios. Non existe coordinación en actividades empresariais para evitar mesmo accidentes laborais. Extraballadores dunha destas empresas describen como eran as condicións de traballo e dalgunhas bases desde as que operan helicópteros contratados polo goberno galego.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A UTE Helicópteros de Galicia, formada pola empresa de aeronaves Airworks e a empresa de brigadistas helitransoportados Rebofosa, é a adxudicataria do 'Servizo integral de helicópteros e brigadas destinados á prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia durante os anos 2024, 2025, 2026 e 2027', como xa se explicou en Galicia Confidencial. Con todo, faltaba coñecer as condicións en que traballan os e as empregadas desta UTE coa que se contactou sen ter resposta por parte de ningunha das dúas. Ao final, dous extraballadores que abandonaron Rebofosa hai un e dous anos respectivamente contan como desenvolveron as súas tarefas nesta empresa.

Helitransportada do Campiño
Helitransportada do Campiño | Fonte: cangas.gal

DIFERENZAS PÚBLICO-PRIVADAS

As diferenzas entre as condicións laborais e contractuais entre a empresa privada e os brigadistas da Xunta son moi notorias. Manuel, nome ficticio, exbrigadista en Rebofosa, recolleu algúns datos antes de deixar a empresa para traballar noutro sector e noutra provincia.

O primeiro punto é o salarial e temas de días libres. Os brigadistas da Xunta teñen "días de asuntos propios e os seus salarios reflicten diferentes conceptos que non existen para os traballadores privados". Todos eles teñen un salario base onde non se recollen conceptos como perigosidade ou toxicidade. Ademais diso, como apunta Manuel, as pagas extras son prorrateadas quedando un salario bruto de entre 1.300 e 1.400 euros.

Segundo nos conta José, outro nome ficticio e quen deixou a empresa hai dous anos (non quere dicir nada sobre o seu destino actual), dentro dos contratos asinados con Rebofosa non figura ningún convenio laboral que cubra a estes traballadores. Iso si, a figura destes traballadores non é a de bombeiro forestal, son 'peóns forestais e da caza'.

Brigada contraincendios Bombeiros Helitransportados de Galicia
Brigada contraincendios Bombeiros Helitransportados de Galicia

O Servizo Público de Emprego Estatal outorga a este perfil profesional “crear as condicións necesarias para mellorar a contorna natural, evitar incendios forestais, preparar o terreo para a reforestación e de maneira xeral calquera outra tarefa forestal”. De maneira máis específica: “Axuda para a prevención de incendios forestais: construír cortalumes e manter os puntos”. Non hai un punto específico no documento estatal que sinale a estes traballadores 'peóns forestais e da caza' como bombeiro forestal. Por outra parte, en caso de quereren opositar para bombeiros forestais públicos o seu traballo na empresa privada non lles dá puntos para os exames.

EPIS E FORMACIÓN, BUSCAR A VIDA

A formación específica para a actuación contra os lumes non existe para estes traballadores. Manuel sinala que mentres estivo na empresa recibiron formación para embarcar nun helicóptero. O resto de formación para o uso de pas, lanzas e outro tipo de material vaise aprendendo en momentos dentro do horario de traballo con exemplos prácticos realizados por capataces ou técnicos. “Non hai formación teórica” di José.

Os Equipos de Protección Individual (EPIs) dentro de Rebofosa “non teñen comparación cos da Xunta”. Manuel lembra que algúns compañeiros mercaran material pola súa conta como lentes contra o lume, “verdugos” para cubrir a cabeza porque a empresa daba unha “braga” que non cumpría coa función. Houbo momentos en que non tiñan nin máscaras contra partículas nin filtros para gases.

A uniformidade ou fundas de traballo tampouco teñen unha boa calidade, segundo apuntan os dous extraballadores. Houbo épocas en que cando se entregaba unha funda rota ou en mal estado ao traballador entregábanlle outra que viña xa gastada. Durante os últimos dous anos a empresa comezou a entregar material novo para reparar o desgastado.

Mais as fundas, vellas ou novas, despois do traballo veñen con cinsa e outras partículas que “son canceríxenas”. Isto obrigaría a metelas nun cuarto separado dos vestiarios e da roupa que gardan nos armarios das bases. José recorda que na base onde traballaba as fundas estaban no mesmo vestiario co risco que iso tiña para a saúde dos traballadores. Ademais disto, a roupa de traballo ten un número limitado de lavados debido ao desgaste que sofre o material ignífugo que cobre a tea.

Por último, estas roupas poden ter certo risco no momento de parar a radiación ou calor do lume, sobre todo onde van colocadas as tiras reflectantes. Manuel explica que na maioría dos casos a xente usaba pantalón e roupa con manga longa para evitar posibles queimaduras.

Galicia Confidencial contactou con Rebofosa para coñecer a versión da empresa, porén, até o momento de finalizar esta reportaxe non deron resposta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta