O TSXG paraliza outro parque éolico, o quinto, ante indicios de dano ambiental

Trátase do parque eólico Laboa II, en Zas e Santa Comba, denunciado pola entidade Petón do Lobo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2023 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou a suspensión cautelar da autorización dada pola Xunta para a posta en marcha do parque eólico Laboa II, promovido pola empresa Engasa Lagoa nos municipios coruñeses de Zas e Santa Comba, ante a existencia de indicios dun posible dano ambiental a ecosistemas da zona.

A decisión adoptada pola sección terceira da Sala do Contencioso Administrativo do alto tribunal galego, contra a que cabe recurso de reposición, estima a medida cautelar pedida pola asociación ecoloxista Petón do Lobo. Deste xeito, os maxistrados entenden que o proxecto de Engasa Lagoa provoca "como mínimo" unha "afectación ecosistémica" pola execución das obras no espazo natural debido aos movementos de terras ou a instalación das infraestruturas eólicas.

Argumentan que é "lóxico" concluír que a actividade do parque "por moi pequena que sexa, e non o é" terá impacto nos ecosistemas do lugar, algo do que advirte a asociación reclamante, que inclúe dous informes periciais que conclúen que "o dano ambiental a múltiples especies de flora e fauna está asegurado".

Ademais, rexeitan o argumento do interese público derivado da crise enerxética e a promoción das enerxías renovables, que a Xunta xustifica para dar luz verde a este e outros proxectos. Para a sala, isto non pode "prevalecer" cando se trata "de instalar no territorio unha industria da que hai sospeita fundada que podería non respectar o medio ambiente".

IMPACTO AMBIENTAL

Os xuíces dan credibilidade aos documentos achegados por Petón do Lobo, dos que extraen que "polo menos indiciariamente" hai un "potencial efecto dañoso de tipo ambiental". No seu auto, da análise do os informes achegados pola Xunta e a empresa promotora do proxecto, os maxistrados extraen que ambas teñen "escasa percepción do mal que pode supor o seu comportamento, ao tratar de minimizalos (os danos) ou desprestixiar aos seus autores".

Por tanto, conclúen que "a mera posibilidade de que se ocasione o evento dañoso" do que, continúan, inciden en que pode suceder a tenor das periciais "contudentes" achegadas por Petón do Lobo, motiva a aplicación dunha suspensión cutelar "sen esperar á finalización do procedemento" ante o perigo de que a execución de traballos ocasione os efectos alertados.

"Os intereses empresariais da promotora entendemos que non deben primar fronte ao medio ambiente, máxime se temos en conta que a paralización da súa actividade, por cuestión da adopción desta medida cautelar mentres penda este procedemento, previsiblemente non ha de ser por un termo excesivamente dilatado", recalca o tribunal galego.

Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, a 31 de maio de 2023, en Esgos, Ourense
Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, a 31 de maio de 2023, en Esgos, Ourense | Fonte: EP

QUINTO PARQUE ANULADO

A Xustiza xa emitiu xa catro sentenzas anulatorias contra a política eólica da Xunta, a última, a sentenza do TSXG que tomba un novo proxecto eólico (Bustelo) de Greenalia nos concellos de Coristanco, Santa Comba e Carballo, estimando o recurso contencioso-administrativo contra a súa autorización interposto por ADEGA e a PDCC.  O de Laboa II é o quinto gran parque éolico anulado pola xustiza, tras as sentenzas en contra do proxecto eólico de Bustelo e as dúas sentenzas xa firmes do Tribunal Supremo que tumban o parque eólico Sasdónigas I e II de Mondoñedo, o proxecto eólico Serra do Oribio, nos concellos de Samos e Triacastela, e o proxecto Campelo, sen contar a anulación da repotenciación do P.E. Corme.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta