A Deputación de Pontevedra aproba 22 millóns de euros para actuacións en concellos entre as protestas do PP

"Non tomamos ningunha decisión nova que poida impedir que vostedes poidan comezar desde o día que tome posesión o novo goberno para facer o que vostedes consideren", dixo a presidenta en funcións, Carmela Silva.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2023 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres nun Pleno Extraordinario a concesión de subvencións da convocatoria do Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a execución da Axenda 2030, coñecido como o Programa PON2030, ao que presentaron proxectos un total de 57 concellos sendo aprobados un total de 40.

Trátase dun total de 22 millóns de euros que financiarán centros de maiores, escolas infantís, senllas peonís, instalacións deportivas e reformas urbanas "en municipios de todas as cores políticas", anunciou "con orgullo" o portavoz do grupo socialista, Carlos Font.

Votaron a favor os deputados do Partido Socialista e do BNG mentres que o grupo provincial do Partido Popular abstívose como protesta ao non considerar "adecuado, e mesmo ético", aprobar orzamentos con contías importantes "cando xa saben que os cidadáns lles retiraron a confianza para seguir gobernando".

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, reprochou ao goberno provincial en funcións do PSOE e BNG as "présas" para convocar este pleno extraordinario urxente e aprobar partidas económicas a tan só uns días de deixar a Deputación de Pontevedra "un procedemento absolutamente cuestionable para un Goberno en funcións".

O vicepresidente da Deputación e portavoz do grupo provincial do BNG, César Mosquera, lembrou a Cubela que o adiamento ata despois das eleccións municipais da concesión destas subvencións foi acordado co Partido Popular para non interferir e destacou que "a maioría dos beneficiarios son para proxectos vinculados a concellos gobernados polo Partido Popular". Na súa quenda de réplica, Cubela insistiu en que "xa non están en posición de tomar decisións que competen ao seguinte Goberno provincial".

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra en funcións, Carmela Silva lembrou que a concesión destas subvencións "deriva de procedementos ordinarios que só estaban pendentes da súa resolución final". "Tiñamos a obrigación de rematalos", incidiu para, a continuación, concluír que o seu goberno cumpre "a legalidade a machada".

"Non tomamos ningunha decisión nova que poida impedir que vostedes poidan comezar desde o día que tome posesión o novo goberno para facer o que vostedes consideren", dixo a presidenta en funcións.

Carmela Silva tamén anunciou ao Partido Popular que a próxima semana serán convocados a unha reunión para organizar o protocolo da próxima toma de posesión da nova corporación provincial e ademais facilitaráselles toda a documentación de todas as áreas. "Hai que saber gañar e saber perder e creo que o estamos facendo con moita elegancia", asegurou Carmela Silva.

A presidenta da Deputación en Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación en Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Gustavo da Paz - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta