Por Moncho Mariño | Santiago | 25/06/2023 | Actualizada ás 22:00
As solucións políticas para facer funcionar correctamente o sistema sanitario están importunando á comunidade médica en xeral. As organizacións dos profesionais da Medicina mostran indignación ante unha proposta cualificada por eles mesmos como “de risco”. Cubrir as prazas vacantes de Atención Primaria, sobre todo en períodos de vacacións, con recén licenciados en Medicina sen teren pasado polo réxime de Médico Interno Residente (MIR) previo exame que distribuirá por especialidades segundo cualificancións en dita proba. Existen moitos temores entre a comunidade médica galega e española en xeral ante as posibles repercusións que pode traer unha acción como a proposta.
FALTA DE PROFESIONAIS
En maio de 2023 Galicia contaba con 33 prazas MIR vacantes, o número máis alto do Estado. O certo é que moitas prazas MIR en Atención Primaria quedaran sen cubrir, unha cuestión que non é ningunha sorpresa para os profesionais da medicina. “Hai anos que o levabamos denunciando, non había recambio xeracional para Atención Primaria” di Carlos Bastida, médico da Sociedad Española de Médicos Generales y de Familia (SEGM). “Agora mesmo a situación e irreversible e cando deberan dar solucións, poñen parches, é que non buscan unha solución”.
A comezos de xuño deste ano, o PSdeG denunciaba que a Xunta renunciara a 180 prazas de médicos de familia “que poderían estar traballando en Galicia e non se formaron porque non quixeron Feijóo e Rueda”. Os socialistas apuntaron a falta de calidade en Atención Primaria “cos salarios máis baixos de toda España”.
“Sen o MIR prodúcese unha perda importante de calidade na atención ás persoas ademais da flata de formación técnica” sinala Ramón Barreiro, presidente de CESM Galicia. “Tamén podemos falar dunha falta de seguridade técnica dos profesionais”. Sobre a falta de médicos especialistas para cubrir as prazas vacantes logo das xubilacións, Barreiro apunta outro tema que é “a emigración de especialistas formados porque fóra encontran mellores condicións, tanto profesionais como de calidade de vida”.
En maio deste ano, Vanesa Viquendi, integrante de SOS Sanidade Pública e presidenta da plataforma Pediatras e Matronas Xa!, falou no Parlamento galego sobre a mala calidade laboral entre o colectivo médico. Para iso, lembrou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de finais de 2022. Dito documento apuntaba que o Sergas vulneraba dereitos no ámbito da prevención de riscos laborais dos médicos de familia e pediatras.
ILEGALIDADE
“O MIR ten canda el un titor clínico quen lle vai dando máis responsabilidades a medida que avanza a formación e así xa ten unha capacitación para exercer” explica Ramón Barreiro. “Ademais diso, parece ser que esquecen un punto importante, tanto a lexislación española como a Unión Europea esixen ter unha especialización acreditada para exercer como especialista de Atención Primaria”.
Isto último estableceo o Real Decreto 931/1995, de 9 de xuño, onde se ditan normas para o exercicio da Medicina Familiar e Comunitaria para os licenciados en Medicina a partir do 1 de xaneiro de 1995. Seis anos despois, o Real Decreto 904/2001, de 27 de xullo, unificaba as convocatorias para o acceso á formación médica especializada. Finalmente, a directiva 86/457/CEE, de 15 de setembro, do Consello das Comunidades Europeas, sobre formación específica en Medicina Xeral establece a necesidade de formación específica para o exercicio das funcións de “médico xeral nos réximes públicos de Seguridade social dos distintos Estados membros da UE".
“Isto é unha ilegalidade, esta idea achegada polos nosos políticos é unha mostra de como confunden legalidade con necesidade” di Bastida. “Temos claro que de materializarse algo así recorreremos aos tribunais”. “Levamos anos dando ideas porque é como se non se quixese encontrar unha solución”.
Mais ao final todo semella unha cuestión de condicións, segundo colectivos médicos, pois “debemos traballar o tema MIR” remarca Bastida. “Debemos retomar os profesionais que se formaron aquí e agora están fóra” di Barreiro que reclama ademais “motivalos para volver mediante a mellora das condicións de traballo e das retribucións acordes coa formación e a responsabilidade” asumida polo profesional.
A proposta “médicos de Atención Primaria sen MIR” choca coa legalidade española e coa comunitaria. Logo, hai unha “innacción” por parte dos executivos políticos de cara a fortalecer os servizos de medicina de familia e por último, os tirapuxas entre Goberno central e algúns gobernos autonómicos están levando a situacións como a descrita nesta reportaxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.