Vox pon a proba o discurso do PP: si aos pactos pero a costa de que políticas?

Rueda insiste en que "hai liñas vermellas" como os colectivos LGTBI ou a violencia de xénero, pero agora mantén que hai que pactar coa ultradereita.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/06/2023 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

"Eu alegrome de non estar nesa tesitura en Galicia". A claridade da resposta de Alfonso Rueda cando se lle pregunta polos pactos con Vox amosa as distintas sensibilidades que hai no PP. O presidente galego sempre mantivo unha postura moi distante co partido de Santiago Abascal, a mesma que mantiña Feijóo cando era presidente galego e que, agora, mudou categóricamente. 

O presidente de Vox, Santiago Abascal, durante un acto electoral de Vox en Santiago de Compostela (A Coruña), a 9 de xullo de 2020. César Arxina - Europa Press
O presidente de Vox, Santiago Abascal, durante un acto electoral de Vox en Santiago de Compostela (A Coruña), a 9 de xullo de 2020. César Arxina - Europa Press

Un cambio de 360º motivado pola necesidade de chegar á Presidencia do Goberno español xa que precisa, si ou si, dos votos da ultradereita. Un escenario que, en Galicia, polo momento, é impensable. Por iso, Rueda navega entre dúas augas e, aínda que presume de que na nosa terra Vox ten un concelleiro, tamén cambiou o discurso e agora non pecha as portas a falar cos de Abascal. Iso si, noutros sitios nos que non sexa Galicia.

Por iso, di entender as posturas dos que están e non están a favor de falar con Vox dentro do seu partido tal e como aconteceu coa líder do PP en Extremadura, María Guardiola, que nun primeiro momento pechou todas as portas a pactar coa ultradereita e, agora, acosada por outros dirixentes populares, principalmente, por Isabel Díaz Ayuso, en Madrid, tivo que dar marcha atrás e tentar buscar ese pacto.

Agora, o PP fai cambalaches políticos para explicar o que antes era inexplicable, o pacto con Vox. "Se outros pactan cos que apoian a terroristas o PP tamén poderá falar con quen sexa. E se ten que falar con Vox, pois tamén", xustificou Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. 

"Se entran ou non --nos executivos autonómicos co PP-- o que se trata é de conformar gobernos con eles ou sen eles, pero que sexan estables", dixo o presidente galego. Con todo, tamén dixo alegarse de "non estar nesa tesitura", na mesma que agora están os dirixentes populares en Baleares, Extremadura, Valencia ou Murcia. 

LIÑAS POLÍTICAS

Vox está facendo valer o seu teorema político en moitos pactos, especialmente, no que ten que ver con violencia de xénero, os colectivos LGTBI ou o non respecto ao medio ambiente. Nalgúns destes acordos o PP acetou xa chamar "violencia intrafamiliar" á violencia de xénero ou poñer límites aos colectivos LGTBI. 

Pero, a pesar desas evidencias, o presidente galego insiste en que hai "liñas vermellas" que non se poden cruzar. Hai unha semana dicía que a violencia de xénero é violencia de xénero e agora di que "calquera pacto que faga terá cousas claras e hai liñas vermellas que se van respectar si ou si", en alusión a este tipo de políticas. En todo caso, o tempo dirá, se tamén, as políticas que din defender agora, non quedan escurecidas pola longa e negra sombra de Vox.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

1 Gamela

tanto falar da "ultradereita" e a tíñamos na casa ? O comportamento antidemocrático do alcalde con maior porcentaxe de votos comeza a ser un clamor en Vigo ! O malo é que parece que ninguén vai facer nada, mentras se castiga á Prensa Libre e se mete a Democracia baixo da alfombra dos Despachos no Concello de Vigo ? INDIGNANTE ! https://twitter.com/contradiscurso/...

1 Sentidiño

Podería vostede deixar de desbarrar? Falamos do ascenso dos fascistas ao poder, falamos de negar os asasinatos machistas, falamos de perseguir seres humanos, de negarlles a sanidade, de amedrentalos cando precisen a asistencia da policía ou da administración, de impoñer o español, de fomentar a tortura de animais... Que hostia pinta aquí Abel Caballero? Coma sempre para vostede, a culpa de todo non vai ser de Yoko Ono, mais da UPG! Gamela colabora cos fascistas?

2 Gamela

Quen desbarra e moito é vosé ! A transparencia e o escrutinio da prensa non son compatíbeis co auroritarismo de Abel que non quere que a cidade saiba a verdade ! Supoño que pecharlle a boca á prensa e manter durante máis de 10 anos un programa propio en TeleVigo para MENTIR canto quere sen oposición algunha, eso debe ser para vosé, un comportamento democrático ? En breve vai considerar que unha Célula de Wagner tamén será lícita para impoñer Políticas Feministas en Santiago ! Xa que ao parecer non hai nada máis urxente segundo vostede... Saúde e Boa Fortuna !

3 Sentidiño

A última frase, a da pregunta, era retórica...

4 Gamela

Carallo coa retórica ! Pero se queres máis exemplos retóricos de como traballa un "facha" electo por maioría absoluta aquí deixo un bo exemplo de algo que NINGUÉN debera soportar neste país... Vigo Sitio Distinto ? https://twitter.com/JavierHRguez/st...