‘Os Xoves de Códax’: Música e viño nos solpores do Salnés

A terraza das Bodegas Martín Códax volve abrir os xoves de xullo e agosto para ofrecer concertos cunha coidada variedade de estilos musicais. Ademais, a recadación destinarase a fins benéficos.

Por Galicia Confidencial | Cambados | 03/07/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Bodegas Martín Códax vén de presentar o ciclo musical “Os Xoves de Códax”, unha iniciativa que chega á súa X Edición e que ofrece unha programación con recoñecidos artistas do panorama musical. Os concertos, que se celebrarán cada xoves, dende o 20 de xullo ao 17 de agosto ás 20:30 horas, estarán marcados pola gran variedade de estilos que abranguerá dende o flamenco, pasando polo indie, pop e rock, ata incluír música de autor.

'Os xoves de Códax'. Fonte: Vinetur
'Os xoves de Códax'. Fonte: Vinetur

As actuacións serán na terraza de Bodegas Martín Códax, lugar máxico onde os asistentes gozarán tamén do albariño e dos espectaculares solpores que ofrece O Salnés.

PARA PODER ASISTIR

Para asistir a cada un dos concertos do mes de xullo é preciso adquirir a entrada na páxina web dende o xoves 29 de xuño ás 12.00 horas. Doutra banda, para adquirir as entradas dos concertos do mes de agosto, estarán para despachar a partir do 13 de xullo. Poranse á venda un total de 350 entradas por concerto e a compra estará limitada a 4 entradas máximo por persoa para cada un dos concertos.

As entradas terán un prezo de 25 euros por concerto, o acceso estará prohibido a todos os menores de idade, e a recadación asignaráselle a algunha asociación solidaria como se veu facendo nas edicións anteriores. Nos nove ciclos dos ‘Xoves de Códax’ xa se levan recadado máis de 185.000 euros que foron repartidos entre diferentes asociacións solidarias de Galicia.

Cartel
Cartel

PROPOSTAS MUSICAIS E ARTISTAS

O 20 de xullo haberá Flamenco e actuarán Moisés Fernández, Josemi Carmona, Estrella Morente, Paquete, David de Jacoba, El Piraña, El Montoyita e El Yiyo.

O 27 de xullo será a quenda da música fusión feminina a cargo de Antía Muíño e Las Migas.

Chegado agosto, o día 10 será o momento de gozar do Pop e o Rock con Miguel Lamas & Maldita Nerea; mentres que o 17 chega a Bodegas Martín Códax Santiago Auserón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta