Por E.P. | OURENSE | 30/06/2023 | Actualizada ás 20:31
A Xunta Electoral Central desestimou o recurso interposto pola agrupación electoral Celanova Decide contra a resolución da Xunta Electoral Provincial de Ourense, de inadmitir o seu recurso contra o escrutinio das eleccións do pasado 28 de maio por extemporáneo. A resolución da JEC ratifica a actuación da Xunta Electoral de Zona de Ourense, que xa desestimara o recurso presentado.
O candidato pola formación e actual alcalde en funcións, Antonio Puga, sinala que "volven á casa de saída en canto ao Recurso Contencioso Electoral", pero esta vez "co argumentario de que entendemos que agora si o tribunal terá que entrar no fondo do asunto".
Todo iso porque hai unha semana o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso interposto pola agrupación electoral que pedía a subsanación da comunicación telemática dos resultados electorais do pasado 28 de maio, apuntando que non esgotaran a vía administrativa.
Segundo a sentenza da Sección Primeira da Sala do Contencioso Administrativo "só en caso de non obter respostas satisfactoria en vía administrativa e unha vez producida a proclamación de electos, discútese a resolución da Xunta Electoral Central na vía xurisdicional", vía á que agora acoden desde Celanova Decide unha vez máis.
Puga aclara que o que estaba en discusión na Xunta Electoral Central "era única e exclusivamente o escrutinio, a acta no que se recolle o número de votos", porque despois hai unha acta de proclamación de candidatos, faise a repartición e atribúese o que corresponda aos que interviñeron nas eleccións.
RECURSO DO ESCRUTINIO
"O que recorremos foi a acta de escrutinio porque entendemos que a acta de proclamación de candidatos, o recurso que está previsto na lei, é directamente o contencioso electoral. Así se deduce moi claramente da resolución da JEC", manifesta Antonio Puga, ao que agora se lle abre un prazo de tres días para interpor o recurso que o seu partido "xa está a preparar".
O sucedido remóntase a noite do pasado 28 de maio, Puga explicaba que "por un erro" na transmisión telemática os resultados da mesa de Acevedo do Río intercambiáronse as cifras dos votos recibidos entre a súa formación e o Partido Socialista, polo que non se corresponden co escrutinio da acta asinada na mesa.
A incidencia coñeceuse esa mesma noite, segundo o candidato, que aseguraba que tanto el como a secretaria do Concello trasladárono á Xunta Electoral porque o reconto afecta a repartición de edís. No escrutinio serían 5 concelleiros para o Partido Popular, outros 5 para CD, 1 para o BNG e 2 para o PSOE. Con todo, a causa do "erro" nesa mesa os resultados atribúenlle 6 ao PP fronte a 4 de CD.
RECURSO AO TSXG
Así as cousas, coa vía administrativa esgotada, Celanova Decide volve recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que "se respecte a vontade expresada libremente nas urnas, que é a que se reflicte nas actas das mesas do Concello de Celanova", polo que Antonio Puga incide en que "todas as partes recoñecen os resultados e que cometeu un erro a Xunta Electoral, non na mesa". A situación podería volver atrasar o pleno de investidura previsto aínda que non convocado para este 7 de xullo.
"A lei prevé que se hai un recurso contencioso electoral contra a proclamación de candidatos non se poida levar a cabo o pleno de constitución", remarca Puga, motivo polo que o Concello, xa non desde Celanova Decide, enviou "un oficio á Xunta Electoral para que se pronuncie sobre que é o que ten que facer o concello", expón o rexedor municipal en funcións, que espera ter resposta nos primeiros días da próxima semana. Polo momento, si está convocado o pleno de peche do exercicio anterior para o vindeiro martes 4 de xullo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.