Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2023 | Actualizada ás 18:13
O Concello de Pontevedra está "ata o moño" da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia pola que leva esperando un ano e medio para que autorice a licitación da reforma da rúa Santiña, para a que conta cunha subvención por parte da Unión Europea de 1,6 millóns de euros.
O concelleiro da área de servizos urbanos básicos, César Mosquera, explicou este martes en rolda de prensa que "se trata dun atranco difícil de entender" porque Patrimonio non contesta a se o proxecto "cumpre ou non cumpre". "E levamos meses así", quéixase.
Curiosamente, o Concello de Pontevedra recibiu a autorización de Patrimonio ao proxecto básico de reforma desta Rúa Santiña en marzo de 2021, onde indicaba que será preciso realizar unha cata arqueolóxica durante a obra. Pero o 13 de xaneiro de 2022, o Concello remitiu o proxecto de execución sen obter resposta a día de hoxe.
O concelleiro responsable dos servizos urbanos tamén desvelou que o alcalde ten intención de porse en contacto co conselleiro de Cultura para abordar esta situación que está a atrasar "en exceso" a reforma da rúa. César Mosquera confía en que "se resolva canto antes e poder facer esta actuación, porque hai situacións que chegan ata o moño". A reforma da rúa da Santiña ten un orzamento de execución de 1,8 millóns euros e quere mellorar a calidade de vida dos veciños da rúa, ademais de continuar coa reforma do Camiño Portugués a Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.