A tramitación dun novo encoro en Brión está nunha fase "inicial", asegura a Xunta

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, indicou que "como goberno non imos evitar nin promover (proxectos), imos cumprir un procedemento establecido conforme á lexislación vixente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2023 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

A Xunta trasladou que a tramitación para a construción dun novo encoro en Brión  promovido pola compañía Green Capital aínda está "nun tramo moi inicial" do procedemento que a Administración autonómica está "obrigada" a xestionar con independencia do seu resultado.

Así o expuxo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en resposta a unha pregunta oral formulada pola deputada do BNG Iria Carreira durante a sesión plenaria do Parlamento de Galicia celebrada este mércores.

Despois de que a parlamentaria nacionalista advertise da "preocupación" levantada entre os veciños da zona por este proxecto para construír unha nova central hidroeléctrica que serviría de complemento para o encoro Barrié de la Maza, a conselleira remarcou que o procedemento está a ser tramitado con "transparencia" pola Xunta pero atópase nunha fase "moi inicial".

Neste sentido, Vázquez remarcou que a Xunta ten a obrigación legal de tramitar os expedientes, que deben ir acompañados de "moitos informes sectoriais" que, en caso de non ser favorables, derivarían na denegación do proxecto como ocorreu co proxecto dunha balsa no río Ouro, no Valadouro.

"Como goberno non imos evitar nin promover (proxectos), imos cumprir un procedemento establecido conforme á lexislación vixente", aseverou a conselleira antes de remarcar que se o proxecto de Brión "contradí" o plan hidrolóxico da conca, o informe da Xunta será negativo.

Na súa quenda, a deputada Iria Carreira botou en falta que a Xunta traslade máis información aos veciños afectados polos plans da compañía Capital Green, unha falta de "transparencia" que comparou coa que, di, existe ao redor dos proxectos do "boom eólico".

INFRAESTRUTURAS

Doutra banda, a conselleira do ramo tamén respondeu a outra pregunta oral durante o pleno deste mércores, neste caso, presentada polo deputado do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, que cuestionou ao goberno sobre que balance fai do cinco anos do Executivo central que preside Pedro Sánchez en materia de infraestruturas para Galicia.

Vázquez centrou boa parte da súa resposta en cargar contra o Gobieron estatal por non convocar á Xunta para abordar cuestións relativas ao Corredor Atlántico transcorridos cinco meses desde o nomeamento do Comisionado para este eixo de infraestruturas que, como recalcou, tampouco conta con proxectos presentados a fondos europeos por parte do Estado.

Fotos Xunta/Infraestruturas/Pleno. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta/Infraestruturas/Pleno. Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta