O exalcalde de Campo Lameiro enfróntase a 7 anos de cárcere por delitos urbanísticos

Tamén están acusados o enxeñeiro do proxecto e a secretaria municipal polas obras dunha depuradora.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 09/07/2023 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o vindeiro xoves, 13 de xullo, ás 10.00 horas, o xuízo contra o que fose alcalde do municipio pontevedrés de Campo Lameiro durante máis de 36 anos, Julio Sayáns, que se enfronta a sete anos e tres meses de cárcere por delitos de falsidade de documento público e contra a disciplina urbanística en relación coas obras dunha depuradora, cuxa localización terminou afectando a terreos privados dunha sociedade e a un espazo público destinado a zona verde.

A vista xudicial, que se sinalou con anterioridade para os días 12 e 14 de xullo do pasado ano, aprazouse nesa ocasión por motivos médicos dunha das partes, despois de que tamén fracasase en febreiro de 2022 o intento das partes de alcanzar un acordo de conformidade.

Na causa, por uns feitos que sucederon entre 2013 e 2015, tamén están acusados un enxeñeiro que se encargou do proxecto (para o que se piden catro anos e medio de prisión) e a secretaria municipal (petición de dous anos e medio de cárcere). Ademais, o fiscal demanda a demolición das obras e a reposición ao seu estado orixinario, así como inhabilitación e o pago dunha multa para os acusados.

Segundo o escrito de acusación, en 2013 ante a necesidade de modificar ou substituír a estación depuradora existente no polígono industrial da Facha de Campo, Sayáns (que foi alcalde deste municipio entre 1983 e 2019) encomendou a realización do proxecto a un enxeñeiro, tamén acusado o procedemento, quen elaborou a través da súa empresa un anteproxecto en febreiro de 2014.

O pleno do Concello aprobou o anteproxecto e encomendou ao enxeñeiro acusado a realización da obra da mellora da depuradora. O 14 de xullo de 2014, o rexedor ordenou á secretaria municipal (terceira persoa investigada na causa) que efectuase un informe sobre o procedemento a seguir.

Ese mesmo 14 de xullo, a secretaria emitiu o certificado sobre a existencia de crédito bastante e un estudo sobre o procedemento de contratación que se debía seguir. Segundo o fiscal, a investigada "non fixo referencia no seu informe á necesidade da elaboración dun prego de prescricións técnicas por un funcionario municipal nin tampouco manifestou que era en todo caso necesario encomendar a un técnico externo a confección do prego de cláusulas técnicas da obra de non contar con persoal municipal que puidese efectuar esta tarefa".

Así, deron comezo as obras en outubro de 2014, a pesar de que non constaba o prego de condicións técnicas no proxecto, sen que a secretaria fixese reparos á legalidade en xunta de goberno local, o que a acusación considera "un absoluto desprezo polas normas administrativas que regulan a contratación de obras públicas e con pleno coñecemento" da vulneración de normas básicas.

Ademais, houbo un cambio na localización final polo cal a depuradora quedou instalada sobre dúas parcelas, unha das cales era propiedade dunha sociedade privada (e non terreos propiedade do Concello de Campo Lameiro), mentres na outra "estaba prohibida a instalación de construcións industriais ou fabrís tales como unha estación depuradora", dado que era unha zona pública destinada a zonas verdes.

O exalcalde popular de Campo Lameiro, Julio Sayáns, nunha reunión con representantes da Xunta, en imaxe de arquivo
O exalcalde popular de Campo Lameiro, Julio Sayáns, nunha reunión con representantes da Xunta, en imaxe de arquivo | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta