Un ciclo de cinema ao aire libre en galego percorrerá 18 concellos rurais durante o verán

É a iniciativa 'Redecinema', considerada importante para "achegarlle o cinema en galego á xente e de forma especial aos mozos e mozas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2023 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

Galicia acollerá, durante o verán, 'Redecinema' un ciclo de cinema ao aire libre en galego que percorrerá 18 concellos rurais e enmárcase no programa de dinamización lingüística FalaRedes 2023.

A proposta foi presentada, este xoves, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a representante de Supernova, Begoña Salgueiro, que é a empresa encargada das proteccións.

Segundo informou a Xunta, García sinalou que "é importante achegarlle o cinema en galego á xente e dunha forma especial aos mozos". Ademais, incidiu na importancia de que as propostas de lecer en galego estean na rúa "onde ven ben e onde todo o mundo poida gozar delas".

Pola súa banda, o director de Industrias Culturais remarcou a oportunidade que supón esta programación para a difusión "entre un público amplo" do cinema producido en Galicia nun momento "no que alcanza a súa maior actividade".

"CHEGAR A TODOS OS PÚBLICOS"


Así, 'Redecinema' chegará aos 18 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística e cada un poderá elixir os títulos do catálogo co obxectivo de "chegar a todos os públicos". O primeiro pase será este sábado na praza do Concello de Negreira que ás 22,30 horas acollerá a proxección da película de animación infantil e familiar 'A galiña Turuleca'.

Despois, seguirá o seu percorrido por Forcarei, Outeiro de Rei, Allariz, Ponteareas, Laxe, A Laracha, Ares, Xove, Sober, Lobios, Viana do Bolo, Maside, Barro, Silleda, O Rosal, Beariz e Mondoñedo. As datas horas e lugares poderanse consultar na axenda de cultura de Galicia e no portal da Lingua Galega.

Butacas nunha sala de cinemas
Butacas nunha sala de cinemas | Fonte: pantallas - EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta