A restauración do Pazo de Lourizán abre a posibilidade de convertelo nun aloxamento turístico ou de restauración

Ademais, impulsarase un ecosistema de estudo e análise estatística, investigación, formación e divulgación forestal.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 13/07/2023 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

A restauración e o programa de usos e actividades para o Pazo e o edificio de Lourizán contará cun investimento de 17,9 millóns de euros, segundo anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior á reunión do seu goberno. Entre as posibilidades que abre a planificación, están un espazo para aloxamento turístico ou de restauración.

Coa aprobación desta contía, a Administración autonómica actuará de inmediato, tras asumir a titularidade das instalacións --algo que está previsto que se formalice proximamente--, para pór en valor este patrimonio que, segundo resaltou o presidente autonómico, destaca polo seu "valor histórico e natural". A previsión é empezar as obras este ano e que estean concluídas en 2026.

Por unha banda, vanse a levar a cabo actuacións para "impulsar o gran atractivo turístico que ten todo o complexo do pazo", en palabras de Rueda, de maneira que está prevista a restauración do edificio histórico e os itinerarios e instalacións que hai no xardín botánico, habilitar unha sala polivalente de conferencias nun novo edificio de madeira e ábrese a posibilidade de "dedicar gran parte da edificación a aloxamento turístico ou de restauración".

Ademais, impulsarase un ecosistema de estudo e análise estatística, investigación, formación e divulgación forestal. Será un espazo de encontro entre os axentes públicos e privados da cadea forestal galega, potenciando nas súas instalacións a transferencia do coñecemento ao ámbito empresarial, co fin de asegurar que o valor engadido derivado da cadea directa e positivamente no benestar da sociedade galega.

As actividades principais de investigación complementaranse cun programa ampliado de divulgación e formación, regulada e non regulada. A transferencia de información e do coñecemento alcanzada reforzarase co establecemento de lazos colaborativos co sector empresarial, que terá presenza nas instalacións a través da creación de incubadoras e aceleradoras de empresas forestais.

PAZO

O edificio de Lourizán atópase no lugar de Herba Longa, na parroquia de Santo André de Lourizán, municipio de Pontevedra. Trátase dunha superficie de 46,55 hectáreas de extensión, formada por catro parcelas catastrais.

O seu propietario máis famoso foi o político galego Eugenio Montero Ríos, que adquiriu a propiedade xunto coa súa esposa Avelina Villegas no ano 1879, e que foi o que lle encargou a Jenaro de la Fuente a reforma e deseño do pazo como unha residencia de verán pola que pasaron importantes personalidades da época. En 1943 foi comprado a través de escritura pública pola Deputación de Pontevedra e en xullo de 2022, Deputación e Xunta asinaron un protocolo xeral de intencións para a transmisión da titularidade.

FORTALEZA DE MONTERREI

Noutra orde de cousas, o Consello autorizou o contrato para a execución das obras de rehabilitación da fortaleza de Monterrei (Ourense), que contan cun orzamento de 14,4 millóns de euros, enmarcada no Plan Xacobeo Next Generation, que inclúe a posta en valor de 12 bens de interese cultural (BIC) do Camiño de Santiago.

Ademais da dotación prevista para a obra, levaron xa a cabo unha serie de actuacións previas tales como intervencións arqueolóxicas, estudos históricos, etnográficos e topográficos, así como estudos de mobilidade e estudos documentais, que supuxeron un investimento previo de máis de medio millón de euros.

Adicionalmente, o Consello da Xunta deu luz verde ao convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Orde de Frades Menores da Provincia Franciscana de Santiago co que o Goberno autonómico impulsa a renovación da cuberta do convenio de San Francisco en Santiago de Compostela, cun investimento de 350.000 euros.

As actuacións deste convenio son as derivadas do proxecto de obras de conservación da cuberta da igrexa do convento de San Francisco de Santiago de Compostela, redactada pola Oficina Técnica do Consorcio de Santiago en 2020, cun investimento global de 868.325 euros, dos cales a Xunta achega o 40 por cento.

Pazo de Lourizán, Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Pazo de Lourizán, Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta