Outro novo alto cargo da Xunta investigado pola Fiscalía por irregularidades na mina de San Fins

abre dilixencias contra a directora de Augas de Galicia por verteduras desta mina.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2023 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

A Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña abriu dilixencias de investigación contra a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e outros cargos do seu departamento en relación coa autorización de verteduras do pasado mes de febreiro concedida á mina de San Fins, no municipio de Lousame. É o segundo alto cargo imputado logo de que o anterior director xeral de Minas, Bernardo Tahoces, tamén tivera que responder ante a xustiza por un caso semellante.

Así, a fiscala de Medio Ambiente na Coruña insta a que se tome declaración en calidade de investigados a Teresa Gutiérrez e outros cargos de Augas para determinar se procede esixir algún tipo de responsabilidade penal en relación con estes feitos.

Neste sentido, estas dilixencias preprocesuales abríronse por mor de denuncias realizadas polas confrarías de pescadores de Noia e Portosín, así como por Ecoloxistas en Acción, nas que se alertaba do "modo irregular no que se concedeu a autorización de verteduras e da omisión por parte de Augas de Galicia tanto do control e sanción de verteduras xa existentes como da obrigación de cobrar á empresa mineira o canon do control de verteduras, o que ascende a máis de 30 millóns de euros".

Fiscalía tamén recolle denuncias por verteduras ilegais que cursaron ante o Seprona as confrarías, que neste caso achacan á filial da empresa australiana Pivotal Metals e os seus administradores.

Nun comunicado, tanto as confrarías como Ecoloxistas en Acción demandan ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que estes cargos sexan apartados "inmediatamente" dos expedientes relativos á mina de San Finx ante "o risco de destrución de probas e o evidente conflito de intereses nos trámites en curso".

Lembran que "este mes a directora de Augas de Galicia acordou conceder unha prórroga á empresa mineira australiana para completar as infraestruturas de vertedura, despois de que esta incumprise o condicionante de finalizar as obras en catro meses". "Deste xeito, a vertedura de case 1.000 millóns de litros anuais podería comezar a partir do 12 de agosto, inxectando metais pesados á ría de Muros e Noia, onde miles de familias dependen da calidade das augas e dos bancos de marisqueo para o seu sustento", agregan.

Vertedura da mina de San Finx / Confraría de Noia / Europa Press
Vertedura da mina de San Finx / Confraría de Noia / Europa Press

RUEDA

Sobre isto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o Executivo autonómico prestará "colaboración sen prexulgar nada". "Porémonos á súa disposición", asegurou, a preguntas dos xornalistas na comparecencia posterior á reunión do seu Executivo, nunha comparecencia na que destacou que Fiscalía "abre moitas investigacións" e non todas chegan a ter consecuencias xurídicas.

En todo caso, esgrimiu que o seu Goberno cumprirá coa súa "obrigación" de "colaborar" coa investigación se se lle require "algunha información" e dado que hai persoas "afectadas" da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta