Canto tardará o monte de Rois en recuperarse tras o grande incendio que arrasou 130 hectáreas?

O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González Prieto, asegura que "todo depende de como fose o lume: da cantidade de biomasa que houbese na zona, da orografía do terreo e da meteoroloxía do momento". Con todo, ao arder maioritariamente eucaliptos, unha especie á que lle beneficia o lume, e non chegar o lume ás copas en moitas zonas, a recuperación debería ser máis rápida.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/05/2024 | Actualizada ás 20:47

Comparte esta noticia

Para ninguén é un segredo que un incendio sempre é devastador para o ecosistema no que se declara. E, por desgraza, os lumes son unha lacra que está lonxe de solucionarse nun país onde 9 de cada 10 incendios son de orixe humana. Ante as altas temperaturas, cada verán (e cada vez máis tamén durante outras estacións) volven os incendiarios que tratan de sacar un beneficio de queimar o monte. O exemplo máis recente atópase no concello de Rois, onde fai escasas tres semanas un voraz lume calcinou 130 hectáreas de monte. Dende o Galicia Confidencial (GC) preguntámonos que pasará agora? Canto tardará en recuperarse unha zona ano si e ano tamén devastada polos incendios? Como perxudica o lume ao solo? Para resolver estas preguntas e algunhas outras contactamos con Serafín González Prieto, investigador e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

O monte de Rois case tres semanas despois do incendio forestal que arrasou 130 hectáreas
O monte de Rois case tres semanas despois do incendio forestal que arrasou 130 hectáreas | Fonte: GC

O primeiro que se debe ter en conta é que o lume é moi heteroxéneo, e non afecta por igual sempre ao solo. Como apunta González Prieto, "depende da cantidade de biomasa que haxa na zona (de combustible), da orografía do terreo e da meteoroloxía do momento". Así, "se o lume pasa moi rápido e queima moita superficie o solo está pouco tempo moi quente, e iso é algo que pode influír moitísimo na afectación, tanto sobre a propia vexetación como sobre o solo, pois todo depende de canto tempo estea o solo ou a vexetación a sufrir o impacto do lume". Dende logo, canto máis tempo, peor. Por outra banda, "un lume que avance máis lento porque vai contra o vento ou costa abaixo, fronte a un que corre máis rápido por ir costa arriba e co vento a favor, vai pasar moito máis tempo requentando e requeimando a materia orgánica do solo, afectándoo máis, polo que a destrución do banco de sementes que haxa nel vai ser moito máis grave".

Deste xeito, o presidente da SGHN asegura que "a severidade con que o lume afecta á vexetación e ao solo vai ter unha relación directa sobre a súa velocidade de recuperación posterior". Así mesmo, tamén outro factor que é determinante: a recorrencia dos lumes. "Nunha zona que arde cada 5 ou 6 anos (como é o caso dos lumes en certas parroquias do concello de Rois como Herbogo, Augasantas ou Leroño) as posibilidades de que se recupere a vexetación son menores e a degradación do solo tende a ser maior, porque entre un lume e o seguinte non ten tempo a recuperarse", explica.

Finalmente, tamén se debe ter en conta a meteoroloxía do momento, pois "se fai moita calor, se o solo e a vexetación están moi secos, as posibilidades de que o lume teña unha maior severidade son maiores, como acontece despois dunha seca". González Prieto lembra a regra do 30-30-30: "Cando hai máis de 30 graos de temperatura, menos dun 30 % de humidade relativa na atmósfera e vento que sopra a máis de 30 quilómetros por hora, os efectivos de extinción normalmente din que nesas circunstancias os lumes son moi, moi difíciles de apagar, case imposibles".

"O SOLO SON OS CIMENTOS DOS ECOSISTEMAS TERRESTRES"

O monte de Rois case tres semanas despois do incendio forestal que arrasou 130 hectáreas
O monte de Rois case tres semanas despois do incendio forestal que arrasou 130 hectáreas | Fonte: GC

Todos estes factores non só inflúen na afectación do propio lume ao solo e á vexetación da zona, senón tamén a súa recuperación posterior. A velocidade de recuperación dependerá moito de como afectase o incendio ao solo. O presidente da SGHN sempre fai a comparativa de que "o solo son os cimentos dos ecosistemas terrestres, é a base dos ecosistemas terrestres". Entón, "se o solo se dana, perde a súa capacidade de almacenar auga, de almacenar nutrientes e o banco de sementes, de tal xeito que o lume o destrúe con tanta intensidade que degrada a súa estrutura física, os problemas para a recuperación do ecosistema serán cada vez máis grandes", plantexa.

Con todo, sempre hai algunhas especies que son quen de xerminar antes que outras e que teñen máis facilidade para instalarse en solos calcinados, de xeito que a recuperación do ecosistema tamén depende do tipo de vexetación que houbese na zona concreta. González Prieto apunta que "normalmente o que primeiro aparecen son as herbáceas, por iso se lles coñece como especies pioneiras, porque son as primeiras na etapa de sucesión" e "tamén pode aparecer algunha matogueira que é quen de rebrotar de raíz ou de tocón, recuperándose máis rápido". Pola contra, "hai outras especies que teñen que agardar a que xerminen as sementes, polo que tardan máis ou menos en saír dependendo do grao de destrución do banco de sementes de cada solo afectado polo lume". 

O PRIMEIRO QUE APARECEN SON AS HERBÁCEAS, ESPECIES PIONEIRAS

Entón, a nivel de tempo, de canto tempo estamos a falar? Canto tardará en recuperarse o monte? Neste caso a resposta tamén é depende, pois todo depende de como fora o lume, pero tamén de que tipo de vexetación se queimara: "Se se queimou unha zona de vexetación herbácea, ao mellor ao ano seguinte xa está rebrotando, pero se se queima unha matogueira que tiña 80 centímetros ou un metro de altura, podería tardar entre 3 e 5 anos en recuperarse... No caso de que arda unha árbore de 50 anos, tardarase outros 50 anos en ter unha árbore igual e se arde un castiñeiro ou un carballo de 300 anos, pois ata dentro de 300 anos non volverá haber un igual", reflexiona o investigador.

No incendio de Rois o que se queimaron foron maioritariamente fincas de eucalipto, unha especie pirófita, como indica González Prieto, "á que lle beneficia o lume, a non ser que fora de moi alta severidade, podendo rebrotar mesmo de tronco". E anticipa que se se pasa novamente pola zona dentro dun mes "poderase ver como do tronco comezan a saír brotes novos" ou, "se o lume foi máis forte, eses brotes poderían saír dende a raíz". Sexa como fora, "os eucaliptos poden recuperarse do lume", augura. Ademais, na viaxe do GC á zona do lume, observamos que había troncos de eucaliptos queimados cuxas copas non arderan, algo que, como apunta o experto, "inflúe moito", pois "se as copas non se queimaron a árbore mantén a súa capacidade fotosintética e a súa capacidade de recuperarse despois do lume, de tal xeito que a codia puido chamuscarse, pero o lume non chegou a afectar ao interior do tronco tanto como para destruílo".

"UN MONTE CON MOITO SOTOBOSQUE É MÁIS DIFÍCIL DE APAGAR, PERO A RAÍZ DO PROBLEMA NON ESTÁ NA BIOMASA, SENÓN NOS INCENDIARIOS"

A modo de reflexión final, e preguntado sobre se é necesario realizar mellores tarefas de limpeza do monte, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural asegura que "iso que tantas veces se escoita de que o monte estaba descoidado ou que non estaba limpo hai que tomalo con precaución". E é que "certamente un monte con moito sotobosque pode ser máis difícil de apagar ante un incendio, pero o natural é que nos montes haxa árbores e, debaixo das árbores, un sotobosque". Por iso, aínda que está de acordo con que iso "pode dificultar a extinción", considera que "a pregunta é: como se orixinou o lume? Foi un bípedo o que lle prendeu ou foi por causas naturais?". Así, asegura que "o problema non é a biomasa, á que moitos lle chaman combustible, a raíz do problema está nos incendiarios, nas persoas que lle pegan lume ao monte unha e outra vez", coma neste caso en Rois.

"Nove de cada dez lumes teñen orixe humana, son debido á actividade do ser humano", sentenza González Prieto, que está convencido de que "se queremos resolver este problema debemos ir á raíz do mesmo, que é a actividade incendiaria e o uso descontrolado do lume como ferramenta agrícola e gandeira, e nalgúns casos tamén forestal". Todo iso "sen prexuízo de que en determinadas zonas, para protexer un espazo urbanizado, habitado ou de elevado valor natural, haxa que facer algunhas faixas de protección desbrozando, con actuacións puntuais en determinados momentos". Pero apunta que "xeralizar estas actuacións á velocidade que medra a vexetación en Galicia é imposible: cando lanzaron hai uns anos esa idea de desbrozar todo polas beiras das estradas e os camiños non botaron a conta de cantos miles e miles de quilómetros de pistas hai en Galicia coa dispersión de poboación que temos nin o custe económico que suporía, así como de maquinaria e a contaminación que esta xeraría", conclúe.

O monte de Rois case tres semanas despois do incendio forestal que arrasou 130 hectáreas
O monte de Rois case tres semanas despois do incendio forestal que arrasou 130 hectáreas | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta