Pontón ofrece o voto do BNG a un goberno de esquerdas para evitar a repetición das eleccións

A portavoz nacional destacou a subida en número de votos e porcentaxe da forza política galega, aínda que recoñeceu que non era o resultado que buscaban.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2023 | Actualizada ás 23:57

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ofreceu o voto do BNG para a conformación dun goberno de esquerdas no Estado e evitar o "risco" dunha repetición electoral.

Así mesmo, na primeira valoración co escrutinio practicamente pechado, destacou a subida en número de votos e en porcentaxe, aínda que recoñeceu que non era o resultado que o Bloque buscaba, especialmente na provincia de Pontevedra, onde se quedaron a uns 5.000 apoios de conseguir representación.

Ana Pontón salientou que o Bloque fará no Congreso o comprometido na campaña electoral, é dicir, evitar un goberno "da dereita e ultra dereita machista e anti galega" e, á pregunta dos medios, mostrouse "optimista" porque, segundo dixo, os "números dan".

"Son optimista porque os números dan, porque a cidadanía falou e deixou unha mensaxe na urna", manifestou Pontón, quen apelou a que é o momento da "responsabilidade". Aínda que aclarou que só pode falar polo BNG, apuntou que a "vocación" do BNG é "que poida darse ese goberno alternativo" e responder a esas persoas que "respiran tranquilas e ven afastarse" ese goberno coa extrema dereita. "Temos toda a vontade de colaborar, cumprindo co que dixemos na campaña", salientou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na comparecencia tras pechar as urnas o 23 de xullo
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na comparecencia tras pechar as urnas o 23 de xullo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Galegus

A solución é Pedro Sánchez. Patético. Si tiveras dignidade hoxe estarías na túa casa.