Rueda afianza o seu poder en Galicia a costa do "efecto Feijóo"

O PPdeG gaña tres deputados, os mesmos que deixa o PSdeG. Sumar quítalle "votos útiles" a un Bloque que sobe en votos pero non en escanos. O PP volve gañar todas as cidades, agás Vigo, que se mantén como principal bastión socialista.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/07/2023 | Actualizada ás 00:17

Comparte esta noticia

Alfonso I do PPdeG afianzase en Galicia. Os resultados deste 23X consolidan o seu poder en Galicia. Un poder que chega grazas, principalmente, ao "efecto Feijóo" en Madrid pero que administrará o seu sucesor que olla xa cara as eleccións galegas que tocan para dentro dun ano, se non se adiantan.

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo (2d) e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d) na Romaría do PPdeG
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo (2d) e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d) na Romaría do PPdeG | Fonte: César Argina - Europa Press

Os populares arrasan en Lugo e Ourense onde levan tres dos catro escanos en xogo e teñen catro na Coruña, os mesmo que PSdeG, Sumar e BNG. A única mancha dos populares está en Pontevedra, onde empatan en escanos cos socialistas, pero onde gaña contundentemente a esquerda xa que Sumar tamén obtivo outro escano. Uns resultados nos que ten que ver moito Vigo, a única gran cidade galega onde o PSOE obtén mellores resultados que o PP. No resto, os populares estiveron moi por riba do 40% dos votos.

A mobilización do voto en Galicia beneficiou aos populares que subiron case un 12% no conxunto do país. Transcorrido pouco máis dun ano desde a marcha de Alberto Núñez Feijóo de Galicia, os populares logran que nestas xerais haxa 219.000 votos máis da gaivota nas urnas respecto de 2019 e tamén 140.800 papeletas máis da gaivota respecto das municipais de fai tan só un par de meses.

LUGO

Os populares logran superar o limiar do 50% dos apoios na provincia de Lugo, antigo fortín de José Ramón Gómez Besteiro, exsecretario xeral do PSdeG rehabilitado tras pecharse diversas causas xudiciais nas que foi implicado e que é un dos nomes que soa como posible candidato socialista á Presidencia do Goberno galego.

Unha suba, a do PPdeG, que non se corresponde coa baixada do PSOE que só caíu un 1,4% dos votos, os mesmos que subiu un BNG. O BNG anótase unha subida de 1,39 puntos no nivel de voto, tras lograr 30.000 papeletas máis da estrela vermella nas urnas respecto das xerais de fai catro anos. Pero na cita coas urnas para as municipais de hai só dous meses, os nacionalistas conseguiran 98.000 votos máis e nestas xerais quedan como cuarta forza, lonxe das expectativas que se autoimpoxese a portavoz nacional nacionalista, Ana Pontón.

SUMAR 

Pola súa banda, co 99,39% do voto escrutado, os de Sumar da galega Yolanda Díaz concentran o 10,95% dos apoios, case catro puntos máis respecto dos votos logrados en 2019 por En Común-Unidas Podemos, aínda que en papeletas, son 13.200 menos que as moradas introducidas fai catro anos nas urnas.

Tamén baixa, e moito, Vox en Galicia. A pesar de ter case 75.000 apoios no país, baixa un 3% de apoio electoral e queda sen representación como en todos os procesos electorais aos que se presentou en Galicia, agás o único concelleiro que conseguiu en Avión nas pasadas municipais.

E AGORA QUE?

Tras os resultados deste domingo é moi probable que Rueda non adiante as eleccións que tocan para dentro dun ano, iso se non hai unha repetición electoral. É o tempo que ten o actual presidente da Xunta para consolidar o seu poder en Galicia e tentar o que xa fixo Feijóo nas últimas tres lexislaturas e antes Fraga durante catro, conseguir unha nova maioría absoluta para o PP.

Todo dependerá do que pase en Madrid e dos "pactómetros" do PSOE e nacionalistas. Uns pactómetros que poden servirlle a Rueda durante este ano como un revulsivo electoral para continuar cos argumentos que utilizaba antes Feijóo e que segue utilizando agora Rueda; que o PSOE marxina a Galicia. Tamén dependerá de se a esquerda en Galicia, PSdeG, BNG e Sumar son quen de artellar unha alternativa sólida de goberno que poida ilusionar como no seu día ilusionou o bipartito. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta