Por gcdeportes | Lugo | 18/04/2015 | Actualizada ás 08:50
Tras un longo proceso de meses, o 49% das accións do CD Lugo en mans das administracións xa teñen dono. A xunta de goberno da Deputación de Lugo adxudicou o paquete de 150.000 títulos ao empresario Tino Saqués, quen ten agora un mes (dende que reciba a notificación da adxudicación) para facer o pago de 1.600.500 euros. A puntuación final do proceso do cconcurso, tras seren analizadas as propostas económicas e os proxectos deportivos, foi de 75 puntos para Frisaqués, a empresa do empresario lucense, fronte aos 56,19 obtenidos pola oferta do empresario luxemburgués, con orixes en Riotorto, Gerard López.
Manuel Martínez, voceiro socialista do Goberno provincial, destacou que a Deputación cumpre co seu obxectivo de non intervir na marcha do club e valorou a venda: “Coido que é un beneficio para o CD Lugo, que volverá recibir as axudas que se lle estaban descontando para pagar estas accións, e en principio é un beneficio para todos, para o Lugo, para a Deputación e para a sociedade lucense”.
O empresario Tino Saqués emitiu un comunicado para expresar a súa “satisfacción” por ser o adxudicatario e pediu unidade á toda a afección polo futuro do CD Lugo. “Foi un proceso longo e duro, pero agora desexo expresar a miña ledicia por poder emprender un proxecto apaixonante e que por fin semella que vaise facer realidade. Agora é o intre de estar unidos e agardar os próximos acontecementos, xa que este é un proceso lento que aínda ten camiño por recorrer”.
O dono de Frisaqués, que xa contaba cun 8% das accións, polo que terá maioría no club, recoñece o gran traballo feito polo actual consello de administración presidido por José Bouso e agarda continuar “coa boa dinámica” que levou o club a Segunda División. “Hai que traballar cos pés no chan, pero dando pasos firmes para que o Club Deportivo Lugo siga medrando deportiva e socialmente”, añade.
Saqués di chegar coa máxima ilusión, pero pide prudencia para acadar que o club sexa “un modelo no que poidan mirarse outras entidades”. Sostén que aínda é “moi cedo para falar do proxecto” no que, apunta, leva traballando dende hai tempo. “Unha vez acceda ao club de xeito definitivo agardo poder comunicar a todo o mundo as liñas mestras deste proxecto que comeza". Saqués remata transmitindo toda a súa "forza" ao equipo (xoga co Racing en Santander ás 21.30 horas) ata final de tempada para acadar os obxectivos marcados, cada vez mái preto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.