Rueda, sostén de Feijóo nos peores momentos do líder do PP en Madrid

Pide para el "apoio sen fisuras" tras as críticas internas que está tendo polos resultados do 23X.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2023 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, saíu en defensa do seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, nun escenario no que empezaron a transcender algunhas voces críticas dentro do partido cara ao seu liderado, e ante a plana maior do partido en Galicia pediu "serenidade" e "apoio sen fisuras" para quen "gañou" o 23J.

"Feijóo gañou o domingo e fíxoo cun apoio abafador de Galicia. E Galicia quere que tente ser o presidente do Goberno", sentenciou Rueda, quen analizou na xunta directiva autonómica os resultados do pasado 23J e arrefriou a posibilidade dun adianto das eleccións autonómicas que tocarían o ano que vén.

"Eu reivindico o seu dereito a exercer e facer o que ten que facer un gañador das eleccións. Reivindico o dereito de Feijóo a formar goberno", aseverou, nunha intervención na que destacou que os populares galegos "cumpriron", só por detrás da Rioxa, o "compromiso" de ser o territorio con mellor resultado o 23J.

Agora, incidiu en que "o reto é formar goberno" no Estado e, tras reflexionar sobre os escenarios que se abren --considerando o "peor" o do "bloqueo"-- e subliñar que en Galicia se preservará a "estabilidade" e seguirase "gobernando", lanzou unha mensaxe en clave interna: facer "o posible" e "animar" ao candidato "gañador" a que trate de ser investido presidente estatal.

Tras insistir en que hai que ter "serenidade" e darlle apoio "sen fisuras", reiterou que, se finalmente entra na Moncloa --unha opción que neste momento parece afastada ante a falta de apoios--, o PP galego será "esixente" con el. Iso si, tamén se mostrou convencido de que "cumprirá".

Feijóo e Rueda no acto de peche de campaña na Coruña.. M. Dylan - Europa Press
Feijóo e Rueda no acto de peche de campaña na Coruña.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta