Ollo: Tras un verán de estabilidade nos prezos, xullo foi o mes do ano no que máis subiu o custo do combustible

A gasolina 95 encareceuse no último mes oito céntimos, chegando aos 1,693 euros por litro; mentres que o gasóleo subiu nove céntimos, ata os 1,549 euros por litro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 02/08/2023 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

Din que a todo se acostuma un, e debe ser verdade, porque agora pagamos sen rechistar a gasolina a 1,70 e o gasóleo a 1,55 euros, cando esto fai tan só cinco anos era considerado un atraco a man armada. Despois de pasar as de Caín o ano pasado, cando tras o estalido da guerra de Ucrania os prezos do combustible se dispararon por enriba dos dous euros, calquera cousa por debaixo dese limiar semella ser boa. 

Surtidores de combustible nunha gasolineira
Surtidores de combustible nunha gasolineira | Fonte: E.P.

A día de onte (segundo os datos publicados no Geoportal de Hidrocarburos do Ministerio para a Transición Enerxética), o custe do litro de gasolina 95 situábase nos 1,693 euros, tras rematar un mes de xullo no que o prezo foi subindo pouco a pouco ata un total de 8 céntimos (1,61 euros custaba o litro a comezos de xuño). Esta é a maior subida que experimentou a gasolina nun mes desde comezos de ano, cando entre xaneiro e febreiro subira 7 céntimos (de 1,627 a 1,692). Permanezamos alerta polo que poida supoñer.

Pola súa banda, o custe do litro de gasóleo A situouse onte nos 1,549 euros, fronte aos 1,457 que custaba o 1 de xullo. Deste xeito, a suba do gasóleo aínda foi maior que a da gasolina, chegando aos 9 céntimos ao longo do mes. Para este combustible si se trata da subida máis dramática do ano, pois a comezos de 2023, lonxe de subir, experimentou unha notable baixada, pasando de custar 1,713 euros o litro ao arranque de febreiro a 1,607 no inicio de marzo. Ben é certo que naquel comezo de ano aínda o gasóleo se pagaba máis caro que a gasolina, unha situación estraña que rematou o 7 de febreiro.

Con respecto ao mesmo mes do ano pasado, cabe dicir que agosto de 2022 foi aquel momento no que o custo dos combustibles volveu subir. Así, hoxe en día o litro de gasolina 95 está 23 céntimos máis barato do que estaba o 1 de agosto do pasado ano (1,929 euros o litro); e o de gasóleo está 36 céntimos máis barato (en 2022 estaba a 1,908 euros o litro). Se ben naquel intre aplicábanse os 20 céntimos de desconto por litro repostado grazas á medida que aplicou o Goberno para tratar de facer fronte a unha alza de prezos sen igual.

Deste xeito, e cos prezos actuales, encher un depósito medio duns 50 litros custa uns 85 euros se é de gasolina e uns 75 se é de gasóleo (10 euros menos); fronte aos 96,45 (87 co desconto dos 20 céntimos) e aos 96 (86 co desconto) que custaba fai un ano. Se nos quedamos ca cifra xa aplicada a rebaixa, hoxe pagamos dous euros menos pola gasolina 95 ao encher o depósito e 11 menos polo gasóleo.

Estes cartos daríannos para repostar pouco máis dun litro de gasolina e algo máis de sete de gasóleo. Se de media un coche fai 12 kilómetros por cada litro repostado, poderíamos percorrer cos mesmos cartos do 2022 doce kilómetros máis ou 84 (como para chegar de Vigo a Ourense).

CALES SON AS ESTACIÓNS DE SERVIZO MÁIS BARATAS DE CADA PROVINCIA?

Para que tomes nota, dende Galicia Confidencial deixámosche por aquí as estacións de servizo máis baratas de cada provincia a 1 de agosto. Na provincia da Coruña o litro máis barato de gasolina era o da gasolineira de Alcampo Ferrol, no polígono da Gándara da localidade coruñesa, onde estaba a 1,512 euros. O de gasóleo era máis barato en Ortega Oil, na LG Lagarea, no municipio de Ortigueira, onde estaba a 1,29 euros.

Pola súa banda, na provincia de Pontevedra, a respostaxe de gasolina máis económica saía na Ballenoil, situada na estrada Camposancos de Vigo, cun custo de 1,549 euros. E a de gasóleo, de feito, tamén era a máis barata nesta mesma estación, cun prezo de 1,389 euros o litro.

Xa na provincia de Lugo, a gasolina 95 máis barata era neste primeiro de agosto a ofertada na gasolineira de Eroski situada na estrada nacional 634, en Ribadeo, onde se cobraba o litro a 1,549. Na mesma tamén saía barato barato o litro de gasóleo, xa que estaba a 1,359 euros. Os mesmos prezos podíanse atopar para ambos combustibles na Petroprix situada na avenida Ría de Ribadeo, no mesmo municipio.

Finalmente, na provincia de Ourense, o litro de gasolina máis económico atopábase na estación de servizo Superfuel, na rúa Ricardo Martín Esperanza do polígono industrial da capital ourensá, onde custaba 1,537 euros. O de gasóleo máis barato atopábase tamén nesta mesma gasolineira, fixado en 1,377 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta