Avances sobre o novo acceso ao Hospital de Ourense: este xoves licitarase a redacción do proxecto

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que no Hospital de Santiago xa "comezaron os traballos previos" ao novo aparcadoiro.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/08/2023 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou a licitación da redacción do proxecto do novo acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense desde a N-525. Vázquez Mourelle mantivo un encontro de traballo co xerente da área sanitaria, Félix Rubial, para abordar esta actuación que garantirá unha maior accesibilidade ao hospital. Explicou que a nova vía terá 640 metros de lonxitude e conectará a N-525 cun viario local, executado parcialmente, facilitando o acceso e evitando rodeos.

Así pois, destacou que a nova vía está prevista no Plan Xeral de Ordenamento Urbano e ten resoltas as ligazóns nos seus extremos con interseccións xa executadas como a Avenida de Zamora ou o paso sobre o río Barbaña. A conselleira avanzou que a redacción do proxecto deste novo acceso realizarase no marco dun contrato de servizos que a Xunta de Galicia licitará este mesmo xoves nun investimento global de 4 millóns de euros, divididos en catro lotes, un para cada provincia.

No caso en concreto da de Ourense o investimento será de 724.000 euros para a redacción de proxectos en materia de estradas, no que "o prioritario é este novo acceso". Ademais, apuntou que as obras previstas estiman desde a súa consellería que suporán "cinco millóns de euros incluíndo expropiacións e servizos afectados".

Ao detalle, anunciou que o prazo de presentación de ofertas terminará o 7 de setembro e a partir de aí procederase á contratación no mes de outubro, para empezar a redactar no mes de novembro coa previsión de que o proxecto "estea trazado a mediados do 2024 para ser sometido a información pública".

"Contribuímos a facer cidade", sostivo Ethel Vázquez dicindo que o contrato de servizos permitirá atender as redaccións dos proxectos necesarios para os próximos anos en materia de mobilidade sustentable, seguridade viaria ou conservación "sen prexuízo de que para proxectos grandes soliciten contratos de redacción independentes", como no caso da autovía Nadela-Sarria.

ESTUDO DE MOBILIDADE DO CHUS

Por outra banda, a preguntas dos medios de comunicación sinalou que no Hospital Clínico de Santiago, onde se traballa nunha ampliación cun investimento de 70 millóns de euros, "xa comezaron os traballos previos". "Temos maquinaria para iniciar as obras de ampliación e o estudo de mobilidade estamos a ultimalo. Cando o teñamos darémolo a coñecer", sinalou, para engadir a continuación que "se terán en conta todas as relacións", porque a mobilidade "non só afecta aos accesos ao hospital, senón tamén ao transporte urbano" de Santiago de Compostela.

"Cando o teñamos ultimado darémolo a coñecer, pero o importante é que a ampliación xa está iniciada cumprindo o noso cronograma de mellorar a atención sanitaria", incidiu. Nesta mesma liña sinalou que a leira ofertada polo concello para levar a cabo o aparcadoiro "é un parche" e por iso insistiu na "importancia de analizar a mobilidade dun modo completo, non soamente cunha parcela para unhas poucas prazas". "Se se resolvese con esa parcela aceptámola, pero a mobilidade é un asunto que merece este estudo que acordamos co concello e que presentaremos proximamente", resolveu.

Hospital de Ourense
Hospital de Ourense | Fonte: ourense.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta