Santiago propón unha lei de impostos sobre estancias turísticas: 1 euro por día en pensións e 2,5 en hoteis cinco estrelas

A rexedora remitelle un informe ao presidente da Xunta. Rueda di que o "estudará" e dará cumprida resposta nas vindeiras semanas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2023 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, remitiulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha proposta para a implantación da taxa turística, así como un "exhaustivo" informe da súa aplicación práctica e unha suxestión de proxecto de lei do imposto sobre estancias turísticas en establecementos de Galicia.

Varios peregrinos camiñan coa súa bicicleta pola Rúa do Franco de Santiago
Varios peregrinos camiñan coa súa bicicleta pola Rúa do Franco de Santiago | Fonte: César Argina - Europa Press

Segundo recolle a proposta lexislativa, o abono por día nos establecementos sería: pensións, hostais, cámpins, albergues e apartamentos turísticos estándar (0,5 euros); hoteis dunha, dúas ou tres estrelas (1 euro); apartamentos turísticos superiores, portos deportivos e cruceiros (1,5 euros); hoteis e balnearios de tres estrelas superiores ou catro estrelas (2 euros); así como hoteis de cinco estrelas (2,5 euros). O máximo a abonar por un turista será por seis días aínda que se aloxe durante máis tempo.

Quedan excluídas destas estancias turísticas as que se teñen que realizar por causa maior (véxase emerxencias), motivos de saúde, laborais, académicos ou competicións deportivas, entre outras. Tampouco deberán abonar taxas os menores de 18 anos e as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 66 %, entre outros. Os ingresos derivados do imposto irán ao Fondo para a Promoción do Turismo de Galicia, do que serán destinatarios os municipios de especial impacto turístico que acorden esixir o imposto.

Así, proponse que este imposto só funcionará nos municipios declarados de gran impacto turístico, xa sexa durante todo o ano ou de forma estacional. Esta declaración corresponderá a Turismo de Galicia, que se encargará de fixar os períodos de tempo con esta condición. Iso si, a iniciativa para tal declaración "corresponderalle en exclusiva ao municipio afectado", que deberá asinar un convenio coa Axencia Tributaria Galega.

"UN ASUNTO VITAL"

O pasado mércores, Rueda queixouse de que a Xunta seguía "sen recibir" a documentación do Concello para a implantación da taxa turística. "Por tanto, creo que se queremos tomar acordos, hai que facer os deberes antes e hai que ser dilixente tamén na entrega da documentación que nos encomendan", reprochaba.

Así, o Concello de Santiago saíu ao paso e replicou cunha carta que acompaña á documentación, na que lembra ao presidente da Xunta a necesidade de fixar un encontro institucional para analizar conxuntamente esta medida e axilizar os trámites de face a establecer unha regulamentación.

Respecto diso, Sanmartín destaca que este "é un asunto de vital importancia polo Concello de Santiago". "Todo o recadado permitiría afrontar parte dos sobrecustos de recibir un número de visitantes que ano a ano bate marcas, entre os que está o necesario reforzo de limpeza e seguridade cidadá, a conservación e rehabilitación do patrimonio, as accións de desestacionalización e promoción turística fora de tempos e espazos con maior presenza cuantitativa de turistas ou as campañas de sensibilización por un turismo consciente e responsable", expón.

O documento detalla os supostos nos que sería aplicable o imposto á estancia dos turista, o tipo de gravame e cota tributaria segundo a tipoloxía e categoría dos establecementos hoteleiros, cámpines ou áreas de caravanas.

Así mesmo, inclúese un informe realizado polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago, César García Novoa, para o Concello, que se basea no xa elaborado por este investigador para o goberno local anterior de Xosé Sánchez Bugallo, agora actualizado a data de 1 de agosto de 2023.

RUEDA

Pola súa banda, o presidente da Xunta recoñeceu que recibiu ese informe este mércores pola tarde e dixo que o estudará "pormenorizadamente". "Tentarei ser o máis rápido posible no seu estudo para a súa remisión pero a resposta non vai a ser nunha semana", advertiu. "Estudaremos a situación e daremos unha resposta adecuada", engadiu.

Rueda confirmou que recibiu "onte pola tarde" (o mércores) a proposta, pero criticou que foi xa "en outubro do ano pasado" cando o anterior alcalde, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, lle anunciara que llo faría chegar. "Aínda non tiven tempo de velo, pero podo garantir que tentarei ser máis rápido no seu estudo que o Concello na súa remisión, por certo, a principios dun mes de agosto. Por tanto, comprenderá que a resposta non vai ser nunha semana, dada a complexidade do tema", respondeu o presidente, quen rematou cun "xa era hora".

En relación a unha xuntanza coa alcaldesa, tal e como pide Goretti Sanmartín, Rueda sinalou que tocará "en breve", ao igual que fará co resto dos principais rexedores de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta