Chegou o verán: alerta laranxa por altas temperaturas este martes na zona do Miño de Ourense

Este luns permanece activa a alerta amarela por máximas de 36 grados.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 07/08/2023 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias activou para este martes a alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece sobre o mediodía con temperaturas máximas de ata 40 graos.

Mentres, este luns permanece activa a alerta amarela por máximas de 36 graos nesta zona da provincia ourensá, que pasará a laranxa este martes. Tamén durante esta xornada o aviso é de nivel amarelo nas Rías Baixas e na zona do Miño en Pontevedra con temperaturas que poden alcanzar os 35 graos.

Este martes, ademais da alerta laranxa na zona do Miño en Ourense, o nivel amarelo estenderase ao resto da provincia, a toda a provincia de Pontevedra, así como ao interior e o suroeste da Coruña por máximas de entre 34 e 38 graos, segundo a zona. Pola súa banda, Meteogalicia estende o aviso laranxa por temperaturas superiores a 39 graos a Valdeorras e a zona do Miño de Pontevedra entre as 15.00 e as 21.00 horas deste martes.

Por este motivo, e co obxectivo de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Xunta informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, a administración autonómica sinalou nunha nota de prensa que espera que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

RECOMENDACIÓNS

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol.

Unha persoa protéxese do sol nunha ponte da cidade de Ourense
Unha persoa protéxese do sol nunha ponte da cidade de Ourense | Fonte: AGOSTIME

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta