Ratifican o apercibimento a Rueda por apoiar a Feijóo desde o atril da Xunta na pasada campaña do 23J

A Xunta Electoral Central afea ao presidente "falta de dilixencia" para evitar manifestacións "con connotación electoralista" no curso dun acto institucional como é a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2023 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

A Xunta Electoral Central (JEC) ratificou o apercibimento ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por pronunciar, durante a campaña do pasado 23J e a preguntas dos xornalistas, unhas palabras de respaldo ao seu xefe de filas e candidato do PP á Moncloa, Alberto Núñez Feijóo, desde o atril institucional.

En concreto, os feitos denunciados remóntanse á rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo autonómico do 20 de xullo, cando, entre outras cuestións, Rueda avaliou o resultado do debate de Feijóo co socialista Pedro Sánchez e incidiu en que o seu obxectivo era contribuír desde Galicia a que este obtivese o mellor resultado nas urnas.

A Xunta Provincial da Coruña reprendeu ao mandatario autonómico e a Xunta presentou recurso fronte á amoestación cunha dobre pretensión: que se anulase o acordo recorrido por "indefensión" e que se declarase que as manifestacións obxecto do procedemento non vulneraron a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg).

En concreto, o artigo que, segundo a xunta coruñesa, se vulnerou é o 50.2 desta norma, relativo a que desde que se convocan as eleccións ata que se celebran prohíbese "calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos, ou que utilice imaxes ou expresións coincidentes ou similares ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas concorrentes ás eleccións".

A JEC desestimou o recurso interposto pola Xunta e ratifica que "estivo xustificada a procedencia" de instar a Rueda a que en futuros actos institucionais "extreme a súa dilixencia para evitar vulnerar o principio de neutralidade" que os poderes públicos "están obrigados a respectar durante o proceso electoral". Este acordo é firme en vía administrativa, aínda que se podería recorrer ante o Tribunal Supremo no prazo de dous meses tras a súa notificación.

DÁ POR EMENDADA A "INICIAL INDEFENSIÓN"

Nos seus argumentos, a JEC determina que a presentación deste recurso permite ao Executivo autonómico formular "de maneira completa as súas alegacións", polo que entende que neste trámite queda emendada a "inicial indefensión" exposta pola Xunta. Xa sobre o fondo, afirma que a realización de apreciacións valorativas como as que fixo Rueda, "en respaldo do candidato" do seu partido, e en paralelo "en demérito dos candidatos doutras formacións políticas", podería resultar "lexítima" no curso dun acto de campaña ou no ordinario exercicio da liberdade de expresión, pero "non no desempeño da actividade institucional propia dunha autoridade pública".

"FALTA DE DILIXENCIA"

A JEC non atende ás alegacións do Goberno galego, que esgrimiu que respondía as preguntas dos xornalistas, posto que se lle solicitou a súa opinión persoal, e subliña que se atopaba "intervindo no curso dun acto institucional e como presidente dos galegos. Considera que, do mesmo xeito que noutras vulneracións do artigo 50.2 da lei electoral por parte doutros cargos, Rueda incorreu "en falta da dilixencia debida para evitar a introdución de manifestacións con connotación electoralista no curso dun acto institucional, como é a rolda de prensa posterior" ao Consello da Xunta.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecerá ante os medios de comunicación
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecerá ante os medios de comunicación | Fonte: XOÁN CRESPO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

A este apercíbeno, a outros os multan. Aínda máis, quen recorre o apercibimento (e perde o recurso) non é o PP, senón a mesmísima Xunta de Galicia: confunden o seu partido co goberno de tod@s.