Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2023 | Actualizada ás 18:30
Inspección de Traballo abriu senllos expedientes sancionadores contra a empresa SCT, concesionaria do servizo de limpeza de Correos, ao detectar incumprimentos tanto en materia laboral (por non negociar nin elaborar en prazo un Plan de Igualdade), como en materia de prevención de riscos laborais, por non ter un Servicio de Prevención propio. Esta resolución é a resposta á denuncia presentada por unha traballadora da limpeza de Correos en Santiago de Compostela, afiliada da CUT, quen puxo en coñecemento da Inspección "as irregularidades existentes en Galicia", informa o sindicato.
Entre outras cuestións, denunciaba que SCT non "entregaba o recibo de salarios excepto a aquelas persoas que o reclamasen", e que non se abonaban as pagas extra e a gratificación de marzo nas situacións de incapacidade temporal. Ademais, apunta CUT, a empresa "non ofertou a vixilancia de saúde a todas as compañeiras nin entregou a documentación necesaria para poder acceder á mutua as 24 horas tal e como establece o artigo 32 do convenio".
Entre outras irregularidades, os traballadores denuncian que non se enviou botiquín a todos os centros, que non se recoñece o tempo de traballo a efectos de compensación o investido na realización do curso de riscos laborais, e que moitas traballadoras están sen uniforme e teñen que usar a da anterior adxudicataria.
Todas estas cuestións levaron ás traballadoras da limpeza de Correos a desenvolver un calendario de mobilizacións en Galicia, a máis recente este luns na oficina principal de Correos na Coruña, e a establecer contacto coas traballadoras do resto do estado de face a unha posible folga no outono. O sábado 2 de setembro terá lugar unha asemblea de traballadoras en Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.