O Concello de Pontevedra aproba case 40 novas licenzas urbanísticas

Lanza un plan especial de supervisión e reparación dos parques infantís.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2023 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

A alcaldesa en funcións e portavoz do Goberno, Eva Vilaverde, informou este venres da posta en marcha desde o departamento de Parques e xardíns dun plan especial de supervisión, priorización, reparación e mantemento dos parques infantís municipais, tanto urbanos como rurais.

A decisión foi tomada despois de recibir diversas queixas e suxestións de diversa índole ao redor destes parques. Vilaverde indicou que se vai a facer unha comprobación xenérica do estado dos 57 parques infantís do Concello "dos que se realizará un seguimento estrito da súa vida útil, da súa duración, de como están, como envelleceron...", entre outros aspectos.

A finalidade principal do plan é garantir que os nenos de Pontevedra xoguen en espazos seguros e adecuados, en boas condicións de seguridade e de hixiene. O Concello comprométese a que no caso de obter algún resultado de urxentísima actuación, se adopten medidas de emerxencia pertinentes para reverter a situación.

NOVAS LICENZAS URBANÍSTICAS

A alcaldesa en funcións e portavoz do Goberno, Eva Vilaverde, tamén informou este venres en rolda de prensa da aprobación de novas licenzas urbanísticas na Xunta de Goberno Local celebrada á primeira hora.

A primeira delas fai referencia á construción dun edificio de 27 vivendas na rúa Rouco, no número 5, na antiga sede do Diario de Pontevedra. A segunda licenza aprobada é a do INVIED (Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa), en Rosalía de Castro, número 21, na que se solicita o desdobramento de catro vivendas en oito.

A terceira licenza aprobada é de parcelamento, agrupamento e segregación de terreos, e cesión na rúa Martín Códax, en relación cunha parcela pendente de construción. Afecta tamén á praza da Santiña e a avenida da Coruña.

A maiores foron aprobadas dúas licenzas de vivendas unifamiliares nas parroquias de Salcedo e Santo André de Xeve, unha denegación de licenza para un local de pneumáticos ao non cubrir todas as especificacións técnicas solicitadas e unha denegación de recurso de reposición no edificio de Gutiérrez Mellado en relación cunha servidume de paso.

ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

Ademais a Xunta de Goberno Local aprobou as bases de subvencións para as escolas deportivas municipais da tempada 23-24.

Panorámica da Cidade de Pontevedra
Panorámica da Cidade de Pontevedra | Fonte: pontevedraviva.com.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta