Maite Rojo, un corredora romántica que pulveriza récords

Maite Rojo superou outro dos seus desafíos ao correr os 203 quilómetros do Camiño dos Faros en 38 horas e 45 minutos. Fíxoo sen sponsor, sen soporte oficial e só coa axuda dunha pequena lexión de amigos, familiares e incondicionais. O seu obxectivo, que este percurso sexa homologado como Ruta de Gran Recorrido (GR).

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 24/08/2023 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

O Spartatlón, a Ultr'Ardeche, a ultrafondo de Barcelona, a Sri Chinmoy de Nova Zelandia e, agora, o Camiño dos Faros. Esixentes e duras carreiras de máis de 200 quilómetros e grandes desniveis que non poden coa tenacidade, a vitalidade e a motivación de Maite Rojo. Esta mariña de profesión e ultrafondista de corazón non para de sumar récords ao seu curto palmarés. O último, o Camiño dos Faros.

Maite Rojo saudando a algún dos corredores que a acompañaron no Camiño dos Faros
Maite Rojo saudando a algún dos corredores que a acompañaron no Camiño dos Faros | Fonte: Inés

Quen coñece esta ruta polas bravas praias da Costa da Morte sabe da brutalidade que significa tentar facer as oito etapas dos 203 quilómetros que unen Malpica con Fisterra dun tirón. Xa se tentou en 2014 coa edición piloto do I ultratrail Camiño dos Faros que organizaron Os Trasnos, como popularmente se coñece aos impulsores deste fermoso roteiro natural.  E, entón, o cronómetro pararono en 46 horas e 40 minutos Quito Ponteceso, Felipe López Pérez, Pedro Caro Gutierrez e Jorge García Rodríguez. Maite Rojo pulverizou esa marca e deixouna en menos de 39 horas.

OUTRA DIMENSIÓN

E é o que fai esta muller é doutra dimensión. Os que a coñecemos sabemos xa da súa valía e tenacidade. Quedou no Top 10 das mulleres do Spartatlón, unha das carreiras máis esixente do mundo ao facer 247,5km en 32 horas e 26 minutos. Quedou oitava na que, probablemente, é a carreira máis dura de Europa, a Ultr'Ardeche, cun tempo de 28 horas e 46 minutos en 222 quilómetros e 3.500 metros de desnivel. E logo están as súas vitorias na categoría feminina da Ultrafondo de Barcelona con 216’6 quilómetros percorridos en 24 horas e na Sri Chinmoy, unha das carreiras de ultrafondo máis prestixiosas de Nova Zelandia, tras percorrer 206 quilómetros en 24 horas.

Pero o Camiño dos Faros foi diferente. É un trazado duro, salvaxe, con máis de 4.000 metros de desnivel. Un desnivel positivo é a suma de distancias que se acumulan subindo durante un percorrido. E non lle ten nada que envexar aos Alpes. O pico Dufour, nos Alpes suízos ten 4.634 metros.

Maite Rojo con varios dos amigos corredores que a axudaron a correr o Camiño dos Faros
Maite Rojo con varios dos amigos corredores que a axudaron a correr o Camiño dos Faros | Fonte: Diego

O camiño está pensado para facer en oito etapas. Pero Maite fíxoas todas dun tirón. As etapas son  Malpica – Niñons (21,3 km) – Ponteceso (27,1 km) – Laxe (25,3 km) – Arou (18 km) – Camariñas (23,8 km) – Muxía (32,6 km) – Nemiña (25,3 km) – Cabo Fisterra (26,9 km). A media estimada para cada etapa son nove horas e ela percorreunas todas en menos de 39 horas. Saíu de Malpica o mércores 23 ás 03.00 horas da mañá e chegou a Fisterra uns minutos antes das 18.00 horas deste xoves.

CORAZÓN E EMOCIÓN

Son 203 quilómetros que Maite Rojo fixo tirando de corazón e de emoción. En parte corre polo seu pai --que padece unha enfermidade-- e en parte porque, como malpicá de nacemento, quere reclamar que se oficialice este percurso como Ruta de Gran Recorrido (GR), que é o que levan pedindo os Trasnos desde que hai doce anos comezaron desinteresadamente a limpeza dos camiños para a súa posta en valor.

Maite Rojo correu sen sponsor, sen soporte oficial e só coa axuda dunha pequena lexión de amigos, familiares e incondicionais que sabemos da súa tenacidade. Entre eles, algúns dos que completaron este camiño en case 47 horas hai 9 anos e que a acompañaron correndo en diferentes etapas como Quito ou Felipe, pero tamén Dani de Oza, Ángel, Felipe Xaviña, Santi, Jajo, Daniel, Jean Philippe, Mateo, Joana, Marina, Beti, Jorge, Eloy e outros  (perdoade se esquezo a alguén). Xente dos Trasnos e ultrafondistas, amigos que viñeron de Mallorca e de Francia, co único obxectivo de cumplir o soño de Maite, que é o soño de todos, o de facer aínda máis grande e máis oficial o Camiño dos Faros. 

E todos eles non paran de destacar a carraxe e a afouteza desta muller que, a pesar de levar horas e horas correndo tiña tempo para sorrir e animar tamén aos seus acompañantes. "Maite é coma un buxo de forte", aseguraba un dos seus entusiastas.

O TRABALLO DE DIEGO

E esta xesta non pode entenderse tampouco sen o traballo de formiga do seu irmán, Diego Rojo, tamén deportista e ultrafondista como ela, e un dos poucos galegos en completar tamén a esixente Spartatlón. Foi Diego quen acompañou a Maite en distintos puntos da carreira conducindo o seu vello Picasso dun recuncho a outro da Costa da Morte para fornecerlle o máis básico, alimentos, prendas de vestir e asesoramento técnico. Tamén o alento en forma de gaita, que tocaba en distintos puntos para animar a súa irmá. Foi el, xunto con moitos dos amigas e amigos que a acompañaron nesta xesta os que recibiron a Maite no mítico podium de Fisterra.

E tras case 39 horas de dura travesía, loitando coas altísimas temperaturas --nalgúns tramos os termómetros superaron os 30º--, a friaxe e humidade que colleu a Maite xa na noite do mércores cun gran neboeiro que entrou polo Cabo Vilán, e as matadoras subidas e baixadas da Costa da Morte, Maite puido bicar o chan da fin do mundo para agradecer, novamente, unha xesta persoal, unha xesta emotiva, unha xesta romántica que, ao fin e ao cabo, é, tamén, a xesta de todos e todas; a de loitar para poñer en valor o noso rico patrimonio natural.

Maite Rojo correndo no Camiño dos Faros
Maite Rojo correndo no Camiño dos Faros | Fonte: Inés
Maite Roja co seu irmán Diego nun momento de aprovisionamento
Maite Roja co seu irmán Diego nun momento de aprovisionamento | Fonte: Inés
Maite Rojo entrando en Laxe na súa fazaña do Camiño dos Faros
Maite Rojo entrando en Laxe na súa fazaña do Camiño dos Faros | Fonte: Inés
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta