O BNG esixe revisar a seguridade e unha investigación do descarrilamento do tren en Ourense

Os nacionalistas recordan que este non é o primeiro incidente no que vai de ano nin en 2022.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/08/2023 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

O BNG esixiu unha investigación "profunda" do descarrilamento, o pasado 23 de agosto, do tren de mercadorías en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), así como revisar a seguridade da liña entre Vigo e Valdeorras.

Para a deputada nacionalista Noa Presas, este novo descarrilamento "pon o foco sobre o mantemento e as condicións de seguridade das vías galegas, singularmente das vías do interior do país e da liña do Miño, que foi protagonista de recentes problemas do descarrilamento". Presas remarca que "xa en agosto de 2020 descarrilaban vagóns dun tren de mercadorías tamén en Valdeorras".

Gardas civís de tráfico fronte ao choque dun tren
Gardas civís de tráfico fronte ao choque dun tren | Fonte: Europa Press

"Este descarrilamento foi protagonista dunha gran polémica pois ADIF vertiu os vagóns ao río Sil e acabou por ser multada e obrigado á súa retirada", lembrou. Ademais, apuntou, en xaneiro de 2023 descarrilaron consecutivamente dous trens de mercadorías na liña Santiago-Ourense. Tamén en xaneiro un desprendemento interrompía a circulación de trens en Monforte e en decembro de 2022 "ocorría algo similar na liña da Mariña".

"A recurrencia destas situacións e a súa presunta atribución ás inclemencias climáticas, ben sexa por altas temperaturas, ben pola incidencia das choivas, é enormemente preocupante e require dunha vixilancia activa por parte das institucións", sinalou.

Os nacionalistas queren saber ademais cal é a valoración do Goberno galego do descarrilamento de vagóns e que actuacións respecto diso vai esixir, como valora a aplicación do protocolo transgal e cantas veces se aplicou dende a súa existencia, así como saber se o Executivo galego "vai facer algún estudo ou investigación ao amparo das súas competencias en materia de emerxencias, seguridade e consumo.

Así mesmo, avanzan que instarán á Xunta a demandar do Goberno do Estado "a máxima transparencia e dilixencia" nas investigacións das causas dos descarrilamentos producidos en Galicia nos últimos meses e a realizar unha auditoría integral das vías que discorren polo territorio galego para "garantir a súa máxima seguridade e mantemento".

Advirten a este respecto que, de non conseguir a realización desta última actuación, "a Xunta deberá empregar todas as vías posibles para que se realice, incluída a xudicial, así como o emprego de medios propios para recadar a avaliación necesaria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta