Rueda apoia a proposta de Urkullu de que se recoñeza a plurinacionalidade do Estado

Sempre e cando sexa "dentro da Constitución". O presidente galego defende tamén o diálogo cos independentistas de Junts e ERC: "Escoitar non significa ceder", di.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/08/2023 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

Galicia está con Euskadi, polo menos, sobre o papel. Se o lehendakari Íñigo Urkullu quere que se recoñeza a plurinacionalidade no Estado, na que conviven varias nacións, entre elas a galega, vasca e catalana, Galicia, a priori, non di que non. Iso si, se o debate se dá "dentro da Constitución".

Iñigo Urkullu. EAJ PNV. EUROPA PRESS - Arquivo
Iñigo Urkullu. EAJ PNV. EUROPA PRESS - Arquivo

"Sobre a proposta de lehendakari, alegrome, pero sempre que se fale dentro da Constitución", dixo Rueda. Con todo, este debate ten límites para a Xunta, que se eviten desiguladades entre territorios e que as "vantaxes dun non poden ser a costa das desvantaxes doutros". "Está ben que cada quen se desenvolva sen risco de desigualdades", engadiu.

RESPALDO A FEIJÓO

Tamén hai respaldo total do PP galego á estratexia de Feijóo de falar con todos os grupos políticos, incluídos os independentistas cataláns, a pesar do crítico que foi inicialmente o PP con Junts e ERC e do malestar xurdido nalgúns baróns populares. Por iso, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu plenamente a decisión de Feijóo de falar con case todas a forzas políticas, a excepción de Bildu, de cara ao seu pleno de investidura.

Por iso, foi moi duro coas críticas do líder do PP de Cataluña, ao que non lle gustou que Feijóo fale cos independentistas cataláns, especialmente, Junts. "O que lle diría é que escoitar non significa ceder e Feijóo iso teno moi claro", espetou Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

"Foi a persoa proposta polo Rei para ser investido presidente e ten que facer isto. O único límite é non falar con Bildu. Polo tanto, escoitar non é ceder, e sempre dentro dos límites da Constitución", destacou o presidente galego que insistiu en que Feijóo "está facendo o correcto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta