O PP tenta apagar unha nova crise en Ourense evitando "baleiros de poder"

Alfonso Rueda entende a renuncia de Manuel Cabezas como candidato na capital provincial e pon o foco en evitar un "baleiro de poder" no partido tras as marchas de Cabezas e Baltar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2023 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A situación do PP de Ourense é, quizais, unha das peores dos últimos anos. Tras a marcha forzada do todopoderoso José Manuel Baltar a Madrid como senador pola crise da súa multa a máis de 215km/h, agora os problemas asoman na capital provincial tras a renuncia de quen foi candidato nas pasadas municipais, Manuel Cabezas. Unha renuncia motivada polo pacto da dirección do PP con Gonzalo Jácome para facelo alcalde.

O candidato do PP, Manuel Cabezas, atende a medios na sede do PP en Ourense, a 14 de xuño de 2023, en Ourense
O candidato do PP, Manuel Cabezas, atende a medios na sede do PP en Ourense, a 14 de xuño de 2023, en Ourense | Fonte: Europa Press

O presidente da Xunta de Galicia e do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que "entende" a decisión de Manuel Cabezas e agradece a súa "valentía", pero pon o foco en evitar "un baleiro de poder" no partido tras a súa marcha. Nun comunicado este xoves, Cabezas explicaba que deixaba o liderado do partido en mans dos seus compañeiros, porque "son eles os que deben iniciar unha nova etapa política que sintonice plenamente co cidadán".

Na carta, o que foi alcalde da cidade entre 1995 e 2007 expón que sempre entendeu a política como unha actividade para facer o que considera que "mellor" sabe facer, "xestionar". "Creo, humildemente, que así o fixen como alcalde durante doce anos", pero lamenta que "o lugar no que hoxe democraticamente estamos non mo permite". Unha crítica velada á posición que mantivo a dirección do PP tras o pacto con Jácome.

Rememorándose ao pasado 17 de xuño, cando saíu investido Gonzalo Pérez Jácome --de Democracia Ourensana-- como alcalde, asegura que no momento da constitución da nova corporación xa trasladou "esta vontade", pero o partido "entendeu que era conveniente esperar a que se constituíse a Deputación, se celebraran as eleccións xerais e o arranque do curso político despois da Constitución do Parlamento e do Senado".

CONVERSAS

Este venres, tras unha visita a unha libraría en Santiago de Compostela, Alfonso Rueda recoñecía manter conversacións durante toda a semana con Cabezas. "Como explica perfectamente, queda claro no comunicado, a súa intención cando se presentou era xestionar e para iso fai falta ser alcalde e gobernar. E non era posible. Esa era a razón fundamental", apunta o presidente dos populares galegos.

Rueda destacou tamén que Cabezas indique que "fará o posible" por continuar como "unha parte activa" do partido, aínda que sen responsabilidades municipais nin orgánicas. "O QUE falaba é lóxico, é o presidente local e haberá que facer unha substitución, pero ten a vontade de seguir botando unha man e axudar. Falou mesmo de axudar cando cheguen as eleccións autonómicas e eu agradézollo", sinalou.

O importante, dixo, é que "non se produza un baleiro de poder" e que "o traballo de oposición que hai que facer en Ourense se faga ordenadamente e este cambio non supoña deixar de traballar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta