O BNG pide mellorar a seguridade vial na N-640 na Estrada

Néstor Rego presentou varias preguntas no Congreso após de lamentar outro atropelo mortal o pasado 22 de agosto.

Por Galicia Confidencial | MADRID | 04/09/2023 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, dirixíuse ao Ministerio de Transportes, mediante varias preguntas parlamentares, para demandarlle a adopción de medidas de reforzo da seguranza vial na N-640 ao seu paso polo concello da Estrada, e úrxelle a impulsar a Variante, una infraestructura viaria necesaria para desviar tráfico do centro da localidade e rebaixar a sinistralidade.

O deputado Néstor Rego comparece ante os medios
O deputado Néstor Rego comparece ante os medios | Fonte: Europa Press

Nas iniciativas presentadas na Cámara Baixa, Rego alude ao último accidente mortal ocorrido o pasado 22 de agosto cando un veciño morría atropelado por unha furgoneta nun paso de peóns na Avenida Benito Vigo, no núcleo urbano da Estrada. A N-640 reviste un alto grao de perigosidade tanto ao seu paso polo núcleo do concello estradense como ao longo de 27 quilómetros en Matalobos, Lagartóns, Ponte Liñares, O Sol, e O Foxo.

“Témolo denunciado en moitas ocasións:  a N-640 decorre zonas densamente habitadas que non contan cos mínimos elementos de seguranza vial como pasos de peóns, semáforos ou sinalizacións", subliña Rego. Á marxe de medidas imediatas como as enumeradas, considera o deputado do BNG que a solución pasa por diminuir o tráfico polo centro da localidade, impulsando a construción da Variante.

Néstor Rego lembra que o achado dos restos arqueolóxicos do castro de Aguións supuxo un freo lóxico xa que houbo que facer novos estudos e modificar o proxecto. “Porén, pasaron sete anos e sumiuse nunha total paralización”, salienta o deputado.

Por último e noutra iniciativa, o parlamentar nacionalista empraza ao Ministerio a solventar os problemas de acceso desde a N-640 á estrada provincial PO-2016 para os veciños que precisan ir ás parroquia de Guimarei, Cerixo e Vinseiro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta