Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/09/2023 | Actualizada ás 16:00
O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, presentou a súa renuncia ao escano de senador que obtivo nas eleccións xerais do 23 de xullo, menos dunha semana despois de ser investido como sucesor de Manuel Baltar á fronte da institución provincial. O tamén alcalde do Pereiro de Aguiar prometera antes da súa investidura que "non acumularía cargos", polo que, mes e medio máis tarde, presentou a súa renuncia a un posto que recae agora en Francisco José Fernández, que regresa así á Cámara alta.
Menor di dar este paso para centrarse nas súas responsabilidades provinciais e locais, e agradeceu aos electores que optaron polo seu nome nas xerais do pasado 23 de xullo, nas que o PP logrou tres postos no Senado pola provincia de Ourense. Ademais, afirmou que a partir deste momento dedicará todos os seus esforzos "a cooperar cos pequenos concellos da provincia" e a "mellorar a calidade de vida" dos veciños de Pereiro de Aguiar, aos que tamén reiterou o seu agradecemento polas "continuas mostras de apoio".
Luís Menor será substituído por Francisco José Fernández, o rexedor de Leiro desde 1995 e que xa foi senador en tres lexislaturas pasadas. Licenciado en Farmacia, ocupou o cargo de vicepresidente primeiro da Comisión de Sanidade e Servizos Sociais da Cámara alta, onde foi vogal na comisión de suplicatorios e entidades locais e portavoz na Comisión de adiccións nesas lexislaturas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.