Os trens turísticos de Galicia reciben unha mención especial nos premios 'Rail Tourism Awards' de Viena

O recoñecemento entregarase o próximo 3 de outubro no Festival Mundial do Pasaxeiro que se celebra en Viena.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2023 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

A campaña 'Trens Turísticos de Galicia' foi recoñecida cunha mención especial por parte do xurado do premio internacional Rail Tourism Awards 2023, que será entregado a Turismo de Galicia, Inorde e a Renfe o próximo 3 de outubro no marco do Festival Mundial do Pasaxeiro, que se celebra en Viena.

"Con este recoñecemento está a premiarse o traballo desenvolvido por Turismo de Galicia, RENFE e INORDE, entidades colaboradoras desta acción de promoción que desde 2013 dá a coñecer o país aproveitando a ampla rede ferroviaria coa axuda dos autocares e acompañados por guías oficiais", explicou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

O director puxo de manifesto que os Trens Turísticos de Galicia son unha iniciativa que leva unha década permitindo ao viaxeiro descubrir Galicia dunha maneira máis sustentable, combinando visitas a lugares especiais da xeografía galega.

A Xunta destacou que o premio recibido súmase ao recibido en 2015 durante a Feira Internacional do Turismo (FITUR) conseguido por potenciar o desenvolvemento e a comercialización da industria turística, proxectando un produto turístico de calidade, concretamente, os Trens Turísticos de Galicia foron galardoados co premio 'Mellor Produto de Turismo Activo Nacional na modalidade de Cultura Nacional 2014'.

Ademais destes recoñecementos, a Administración autonómica destacou o "éxito entre os viaxeiros" destes trens, cunha ocupación media de cada vehículo que supera o 95 % nunha experiencia de xornada completa que o 98 % dos participantes recomendarían. Neste 2023 son 11 os distintos itinerarios, moitos dos que xa conseguiron o 100 % de ocupación, e que finalizan agora en setembro. Pode consultarse nas páxinas www.turismo.gal e www.renfe.es.

Impulsados pola European Travel Commission (fundada en 1948 e constituída por 35 organismos oficiais de turismo europeos), estes Premios rail tourism awards recoñecen as campañas de promoción con máis impacto que promoven as viaxes en tren, apostando así pola promoción deste medio de transporte e por dar a coñecer os destinos europeos.

A campaña de trens turísticos da Xunta recibe unha mención especial nos premios 'Rail. XUNTA
A campaña de trens turísticos da Xunta recibe unha mención especial nos premios 'Rail. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta