GC Aberto

Puigdemont: chantaxista ou home de Estado?

A proposta de Puigdemont de ampararse no artigo 92 da norma suprema do Estado para, se «houbese vontade política», realizar unha consulta sobre un hipotético dereito de autodeterminación de Cataluña non obtería nunca os resultados que se pretenden.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 23/09/2023

Comparte esta noticia

Dende que o pasado martes 5 de setembro Carles Puigdemont fixo públicas as súas condicións para apoiar a investidura do presidente do goberno de España, Pedro Sánchez, escóitase a destra e sinistra o adxectivo «chantaxista» para cualificar, de forma despectiva, a súa forma de actuar. 

Hermanager - Viñeta de humor - Puigdemont demo
Hermanager - Viñeta de humor - Puigdemont demo

Porén, os politólogos estamos familiarizados coa expresión «potencial de chantaxe», introducida por Giovanni Sartori na súa obra «Partidos e sistemas de partidos» (1976), a cal fai referencia a un proceder lexítimo por parte daquelas formacións políticas sen opcións para gobernar, pero dotadas dunha forza intimidatoria capaz de condicionar a acción política dos partidos con «potencial de goberno».

No discurso citado, o expresidente da Generalitat fixa dúas esixencias fundamentais para obter a súa colaboración: que as Cortes Xerais aproben unha lei de amnistía que exculpe aos condenados pola celebración do referendo do 1 de outubro de 2017, e estabelecer unha negociación cuxo fin ha de ser o recoñecemento do dereito de autodeterminación do pobo catalán para exercelo por medio dun referendo democrático que lle permita, no seu caso, declarar a independencia e erixir de nova planta un Estado propio. 

Foi, en verdade, unha alocución cun notable grao de victimismo (en gran medida de natureza económica, inda que tamén social e cultural) que se sustenta na derrota do «Exèrcit do Principat de Catalunya» fronte ás tropas borbónicas o 11 de setembro de 1714 e que se estende até a actualidade; pero na que se obvia que, a final de contas, en toda contenda o perdedor é vítima porque non puido ser verdugo.

Alén da súa posíbel constitucionalidade ou inconstitucionalidade, no relativo á amnistía aos procesados polo referendo do 1-Ou, a miña opinión é que cando a xustiza acompaña á política, non hai xustiza nin tampouco política. Agora ben, en ocasións excepcionais a xustiza vese obrigada a seguir á política, e é inevitábel que así sexa, porque a función da xustiza é penalizar faltas en consonancia co ordenamento xurídico, mentres que a da política é negociar e pactar para lograr a paz social. É dicir; nestes supostos é a paz social a que trae a xustiza, non a xustiza a que trae a paz social. 

En canto á pretensión de conseguir a independencia de Cataluña por medio dun referendo sen modificar a Constitución de 1978, o argumento que acabo de invocar non opera porque afecta a un asunto de moi distinta natureza e transcendencia; e de maior protección constitucional: «La indisoluble unidad de la Nación española, patria común e indivisible de todos los españoles […]» (art. 2 CE). 

Neste senso, a proposta de Puigdemont de ampararse no artigo 92 da norma suprema do Estado para, se «houbese vontade política», realizar unha consulta sobre un hipotético dereito de autodeterminación de Cataluña non obtería nunca os resultados que se pretenden dado que se trataría dun referendo consultivo, non vinculante, e ademais nel haberían de participar «todos los ciudadanos» do Reino de España, non só os da nación catalá (art. 92.1 CE).

Con todo, a Carta Magna non especifica que entende por «la Nación española» (nin quen son «los españoles»). Non son poucos en España os que non cren na súa existencia, e son moitos máis os que non se senten parte dela. E é que coa identidade nacional acontece o mesmo que coa identidade de xénero: pódese ter unha, ningunha ou unha pluralidade; e mesmo a oposta á que nos asignan ao nacer e na que nos socializan dende a infancia. Nestas cuestións non cabe admitir imposición de ningún tipo. 

Aínda que non o manifestou na súa intervención, Carles Puigdemont atópase nunha tesitura equiparábel á de Pedro Sánchez en tanto en canto neste momento o seu poder de chantaxe é máximo grazas aos sete deputados de «Junts per Catalunya», imprescindíbeis para lograr a investidura. Porén, de non apoiala arríscase a que se se celebran novas eleccións ese poder sexa nulo. Así ocorrería de darse un transvasamento de votos do electorado de centroesquerda cara á dereita que lle permitise a esta alcanzar a maioría absoluta; ou á inversa. 

O meu consello ao presidente Sánchez, e aos seus asesores, é que emprenda o diálogo que se lle ofrece con espírito aberto e empático; mais coa equidade e a solidariedade interterritoriais como horizonte. Porque o diálogo non obriga ao acordo; non obstante dá unha oportunidade á resolución dos conflitos e sempre supón un avance. Estou seguro de que os que participen nel admitirán que os filósofos sofistas gregos tiñan razón ao afirmar que de calquera materia pódese argumentar nun sentido e no seu contrario… 

E coa mesma forza! 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta